Xoán Reices, voceiro do BNG na Estrada, afirmou que “xa vai sendo hora de que quen ten competencias en seguranza vial na N-640 tome medidas, xa que non é normal que desde 2019 houbera 9 atropelos nesta vía, 2 deles con resultado de morte”.
Faino tras o accidente que se produciu este luns no paso de peóns situado á altura da Farmacia Eirín e da Casa das Letras, no que unha veciña de Berres resultou ferida. Por iso, anunciou que lle farán chegar ao Ministro de Transportes, Óscar Puente, a lista con ditos sinistros.
Segundo explicou, faráno por varias vías:
“Por unha banda, enviarémoslla oficialmente a través dos representantes no Congreso e no Senado, Néstor Rego e Carme da Silva, respectivamente; mais tamén lle faremos chegar a lista de accidentes directamente a Óscar Puente, ministro de transportes, a través de Twitter; xa que é tan activo nesta rede social, entre zasca e zasca ao mellor ten un intre para ocuparse das cousas que importan aos veciños e veciñas da Estrada”.
Xoán Reices, voceiro do BNG da Estrada
E é que, para o nacionalista, o feito de que se produciran nove sinistros en seis anos, sendo dous deles mortais, “é motivo abondo para que o ministerio tomara medidas, que non só pasan pola construción da Variante, que nós cremos clave para desconxestionar o tráfico e reducir así o volume de tráfico que pasa pola vila”.
Reices non só se dirixiu a Puente, tamén fixo referencia ao alcalde, do que criticou que teña un “papel morno” e opinou que “debería ter un papel máis activo, e non só de espectador impasíbel, para reclamar ao ministerio medidas para acabar cos accidentes na N-640 ao seu paso pola Estrada”.
“Xa é hora de facer algo, non?”
No momento de publicación desta nova o BNG xa lle enviou a Óscar Puente por X (o antigo Twitter) a lista dos últimos accidentes que se produciron na N-640 na Estrada.
Fixérono respondendo a un fío del no que recopila columnas en medios de comunicacións nos que é insultado. O chío do partido nacionalista remata cun “xa é hora de facer algo, non?”.
Imaxe de portada:
A N-640 ao seu paso pola Estrada // Google Street View


Deixar un comentario