Non recibiron resposta por parte do PP
A Plataforma Ulloa Viva mantivo contactos con políticos de diferentes formacións para buscar apoios para parar o proxecto de Altri en Palas de Rei, que afectaría á calidade do aire en varias decenas de quilómetros á redonda e ás augas do río Ulla.
O BNG mostrouse preocupado polo proxecto e Olalla Rodil, voceira parlamentaria do partido, Néstor Rego, deputado no Congreso dos Deputados, e Ana Miranda, eurodeputada, achegáronse ata a zona e mostraron o seu apoio. O partido, ademais, propuxo mocións en contra do proxecto nos concellos nos que teñen representación.
Isabel Faraldo, voceira de Podemos en Galicia, mantivo varios encontros coa voceira da plataforma, Marta Gontá, e mostroulles o seu apoio. Sumar tamén lles manifestou o seu rexeitamento ao proxecto e comprometeuse a facer todo o que estea nas súas mans para evitar que o proxecto continúe.
O PSdeG confirmou á Plataforma Ulloa Viva a súa intención de manter encontros, que aínda non se produciron, aínda que desde a asociación agardan que se produzan en breve.
No relacionado co PP, partido que goberna en Galicia e que mostrou o seu apoio ao proxecto de Altri, Ulloa Viva envioulles varias peticións de manter contactos con Alfonso Rueda, Presidente da Xunta, ou con outro representante do partido, sen recibir resposta algunha.
Imaxe de portada:
Reunión da Plataforma Ulloa Viva con Néstor Rego (BNG) // Plataforma Ulloa Viva


Deixar un comentario