Este xoves Alfonso Rueda (PP) foi investido, por segunda vez, Presidente da Xunta de Galicia cos votos do seu partido e a abstención de Democracia Ourensana. Tanto BNG coma PSdeG-PSOE votaron en contra.
O vindeiro sábado tomará posición do cargo no Panteón das Galegas e Galegos Ilustres e, o domingo, anunciará o novo executivo, que se segue a tradición, tomará posesión do cargo o luns.
Entre os candidatos a ocupar o posto de Conselleiro atópanse dous estradenses:
José López Campos
O alcalde do concello é o que sona con máis forza. A súa boa sintonía co Presidente galego e o seu éxito electoral no concello fan que apareza nas quinielas.
López Campos naceu en 1974 na Estrada e estudou ata o cuarto curso da Licenciatura en Ciencias Empresariais e comezou a traballar nunha oficina de CaixaBank na Estrada en 1996.
En 2003 foi elixido Concelleiro de Industria e Comercio e tenente de alcalde da Estrada. No 2009 deixou o seu posto na banca para ser Deputado do Parlamento de Galicia. En 2011 encabezou as listas do PP da Estrada nas municipais, nas que conseguiu recuperar o goberno que os populares perderan catro anos antes. En total, leva 4 maiorías absolutas na Estrada.
Valentín García Gómez
Outro dos nomes que aparece nas quinielas, aínda que con menor forza, é o do actual Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García. O seu nome aparece ante a posibilidade de que a carteira que ten agora Román Rodríguez (Cultura e Educación) pódese dividir para poder outorgarlle máis peso á lingua.
Valentín naceu no concello de Silleda en 1970. Licenciouse en Filoloxía Galego-Portuguesa, fixo o posgrao e mestrado en Administración Local, foi diplomado polo Conservatorio de Santiago de Compostela e cursou estudos de Dereito.
Na Estrada foi técnico do Servizo de Normalización Lingüística e dirixiu os departamentos de Cultura, Normalización Lingüística, Emigración e Xuventude.
En 2012 saltou á política galega ao ocupar o cargo de coordinador técnico da Rede de Dinamización Lingüística. Ocupa o posto de Secretario Xeral de Dinamización Lingüística e publicou varias obras, ademais de colaborar en varios medios de comunicación.
Imaxe de portada:
Rueda no debate de investidura


Deixar un comentario