Carme da Silva, senadora do BNG, pediulle ao Ministerio de Transportes información sobre o avance do proxecto da variante da N-640, tras o último atropelo que se produciu no tramo urbano desta.
Para da Silva, “O Ministerio debería analizar con detemento o que ocorre no tramo de 2,7 quilómetros de lonxitude pola Estrada que a pesar de contar con medidas, como pasos de peóns e semáforos, estas son insuficientes”. Tamén debería, comentou, mellorar a seguridade “tanto no núcleo urbano como nas distintas parroquias do municipio”.
Para a nacionalista, a solución pasaría por desviar o tráfico pola variante, evitando así que a meirande parte dos vehículos atravesen o casco urbano. Lembrou que o seu partido incluíu no acordo de investidura de Sánchez a construción desta infraestrutura e interesouse polo estado da licitación do contrato de asistencia técnica para a redacción do proxecto e construción.
“Esta infraestrutura non pode seguir aparcándose e debe tomarse en serio”
Carme da Silva, senadora do BNG
Imaxe de portada:
Carme da Silva // BNG


Deixar un comentario