Gonzalo Louzao foi proclamado alcalde no mediodía deste sábado nun pleno extraordinario. Dito pleno comezou co xuramento de Jéssica Rodríguez como edil e, a continuación, procedeuse á elección do novo mandatario.
Todos os partidos políticos presentaron a súa candidatura: O PP presentou a Louzao Dono despois de que todos os que se atopaban diante del nas listas electorais presentaran a súa renuncia, o PSOE presentou a Luis López Bueno, o BNG a Xoán Reyes Villar ‘Reices’ e, MOVETE, a María del Mar Blanco Casais.
A votación realizouse mediante votación secreta, obtendo o candidato do PP a maioría dos votos (12), seguido do do PSOE (5), BNG (2) e MOVETE (1). Tras isto, Louzao xurou o cargo de alcalde e José López Campos, predecesor de Louzao, entregoulle o bastón de mando.
Tanto o novo Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude como o novo alcalde da Estrada saudaron, un a un, a todos os edís e, despois, Louzao ocupou o posto de Presidente do Pleno para proceder a lectura do seu discurso.
Nel agradeceu o apoio da súa bancada e ao Presidente da Deputación de Pontevedra e aos alcaldes presentes e mencionou que xa coñece a todos os líderes dos partidos da oposición e que foi compañeiro no instituto de dous deles.
Tamén fixo referencia a que continuará coa liña do seu predecesor, a quen considerou un referente, aínda que aplicando algún cambio se a situación o require.
No persoal agradeceu o apoio da súa familia, en especial do seu pai, que non puido estar presente tras levar cinco meses ingresado por un transplante do corazón.
Os aplausos e os abrazos alongáronse durante varios minutos tras estes instantes, nos que Gonzalo Louzao convertiuse no oitavo alcalde da Estrada na historia da democracia recente.












Imaxe de portada:
Louzao ocupa o seu novo posto como alcalde da Estrada // Captura de pantalla

Deixar un comentario