López Bueno: a elección de Louzao como alcalde “fíxose pensando nas eleccións de 2027”

López Bueno: a elección de Louzao como alcalde “fíxose pensando nas eleccións de 2027”

Luis López Bueno, voceiro do PSOE da Estrada, valorou a elección por parte do PP de Gonzalo Louzao como candidato a alcalde, en substitución de José López Campos.

No persoal, afirmou alegrarse por esta decisión e lembrou que mantañen unha boa relación. No político, afirmou que a elección de Louzao fíxose con fins partidistas, “pensando nas eleccións do ano 2027 e non pola aposta nun proxecto político para A Estrada”.

López Bueno mostrouse convencido de que se produciu máis dunha fractura no seo dos populares e que iso provocou a marcha do actual alcalde en funcións, Juan Constenla, para a Xunta e afirmou que el foi o primeiro en saltar do barco, “veremos se hai máis”.

“É coñecido por todos que hai descontento nos concelleiros e concelleiras do PP, non poderán agochar esa fractura por moito tempo e vaise notar no traballo do goberno”

Luis López Bueno, voceiro do PSOE na Estrada

Para o socialista, “o que ía ser unha transición tranquila, só foi rápida” e pensa que o proxecto político do PP da Estrada “queda moi tocado coa marcha de José López Campos”.

O líder da oposición tamén valorou as primeiras verbas do, posiblemente, novo alcalde da Estrada. Considerounas moi superficiais e un erro que se vaia cinguir ao programa electoral, porque “ese programa prevé construír un parque de millóns de euros, que non creo que sexa prioritario mentres non cobren os provedores”.

Ademais, botou en falla que realizara unha reflexión sobre algúns dos problemas que afronta o concello: “os graves problemas económicos que afogan ao concello, a crise industrial, a crise de vivenda e o reto demográfico”. Tamén lle pediu que explique se ten proxecto propio e que o traduza en cambios no do PP.

“Louzao non dixo absolutamente nada sobre a súa visión da Estrada e que pretende facer durante os 3 próximos anos”

Comentarios

Deixar un comentario