Xoán Reices afirma que isto pode ser “unha boa noticia” para os que están en contra do eólico do Xesteiras
O TSXG suspendeu este martes cautelarmente as autorizacións para o proxecto do parque eólico de Castro Valente, previsto para as parroquias de Santa Mariña e San Miguel de Barcala na Estrada e para as de San Pedro de Carcacía e Santa María de Herbón en Padrón.
Na zona na que se prevé instalar os aeroxeneradores atopáronse o pasado mes de febreiro restos arqueolóxicos que poderían corresponder aos dunha segunda muralla do castro.
Xoán Reices, portavoz do BNG na Estrada, lembrou que “xa manifestamos con anterioridade” que “debería ser motivo abondo para anulalo definitivamente, de feito, o grave é que a Xunta, a pesar de todo, dese a autorización administrativa pertinente”.
Afirmou que isto pode ser unha “boa noticia” para os veciños que se mostran en contra do eólico no Monte Xesteiras. “Hai que lembrar que Xesteiros e Castro Valente comparten a liña de evacuación, se un parque cae, cabe pensar que isto tamén pode repercutir na execución co segundo, mais imos ser prudentes e agardar acontecementos”, comentou.
Aproveitou para pedirlle ao actual alcalde, Gonzalo Louzao, que lles remita unha copia do recurso que presentou o Concello contra o parque eólico Monte Xesteiros. Afirmou que solicitárono hai un mes e que supoñen que “o alcalde, tanto o novo como o anterior, non teñen nada que agochar, mais esta demora non é comprensíbel, a pesar dos acontecementos dos últimos días”.
Imaxe de portada:
Vista de parque eólico desde o alto do Monte Cabalar // O Xornal da Estrada

Deixar un comentario