Este venres terá lugar no MOME ás 20.00h unha reunión informativa sobre o impacto que terá o proxecto de Altri na Estrada. Xoán Reices, voceiro municipal do BNG e relator na charla, afirmou que Gonzalo Louzao “ten a oportunidade de reconducir a posición que mantivo até o de agora o anterior goberno municipal” e pide que se sumen ás reivindicacións da veciñanza.
“Este proxecto ten consecuencias directas na veciñanza da Estrada, xa que pode prexudicar gravemente o río Ulla coas implicacións ecolóxicas, sociais e económicas que iso tería no noso concello“, explicou Reices e fixo referencia a que poderíanse ver afectadas as poboacións de peixes e, consecuentemente, ás festas do escalo e do salmón.
Para os nacionalistas, estes proxectos non se poden levar a cabo “de costas á veciñanza” e, por iso, débese informala correctamente. Ademais, Reices convidou a Gonzalo Louzao a acudir á reunión prevista para este venres para coñecer “as implicacións que este proxecto vai ter no noso concello”.
Imaxe de portada:
Recreación da planta de Greenfiber // Greenfiber


Deixar un comentario