Luis López Bueno, líder do PSOE da Estrada, asegurou non mostrarse sorprendido polo o anuncio de Gonzalo Louzao do nomeamento “a dedo” dos alcaldes de barrio.
Para o socialista a elección dos pedáneos de forma democrática non é imposible, pois pese a que a Lei de Administración Local de Galicia lle atribúe o poder de elección aos alcaldes, “certo non existe ningún artigo en ningunha lei que prohiba facer unha consulta popular para propoñer lle unha persoa para que nomee o alcalde”. Advertiu a Louzao de que “prometeu non mentirlle aos veciños e xa empezamos mal”.
Para López Bueno, esta situación demostraría o “pouco convencemento democrático” do actual goberno e que Louzao só quere aos alcaldes de barrio para “reclutar vendedores das supostas bondades do PP”.
Agardou que lle faga máis caso aos pedáneos que o seu predecesor, a quen culpan de que 29 parroquias quedaran sen alcalde de barrio, porque “o alcalde promete, despois non se fai, e os primeiros en quedar mal son os alcaldes e alcaldesas de barrio, isto é así”.
Ademais, comprometeuse a facer esa elección de forma democrática no caso de que se produza un cambio de goberno na Estrada.
Por outra banda, mostrouse sorprendido porque Louzao aínda non anunciase a redistribución do seu goberno e comentou que “calquera reordenación profunda do goberno vai supoñer a desautorización ao traballo feito polos seus compañeiros e compañeiras do PP”.
Imaxe de portada:
Concello da Estrada // O Xornal da Estrada


Deixar un comentario