CHARLA NA ESTRADA| Os cálculos de Altri estarían “mal feitos”, segundo Ana Santamariña

CHARLA NA ESTRADA| Os cálculos de Altri estarían “mal feitos”, segundo Ana Santamariña

Este venres celebrouse no MOME unha charla informativa sobre o impacto de Altri. No acto interviron Xoán Reices, voceiro do BNG na Estrada; Ariadna Fernández, parlamentaria do partido nacionalista; Bernardo Valdés, profesor de Economía Medioambiental, e Ana Santamariña, experta en augas da ADEGA.

Reices destacou nunha breve intervención que o proxecto vai destruír máis traballos dos que vai crear e que o proxecto pretende “reventar o Ulla e a Ría de Arousa”.

Ariadna Fernández: “Por que non queda en Portugal?”

Ariadna Fernández comezou a súa intervención mencionando que Altri compra o eucalipto en Galicia, sobre todo despois da regulación forestal levada a cabo polo goberno luso tras os graves incendios forestais de 2017.

Tamén fixo referencia a que, aínda que Altri di que vai producir fibra textil, non ten as patentes e, para poder producila, tería que adquirilas ou tería que ter socios.

Para Fernández, a Xunta está “disfrazando” o proxecto para “vender que vai a salvar a economía”, aínda que os beneficios non quedarían en Galicia e aumentaría a superficie de eucaliptos.

“Se tan bo é o proxecto, por que non quedou en Portugal?”

A nacionalista opinou que “a Xunta púxolle a alfombra vermella” a Altri, mentras que as PEMEs da zona teñen trabas. Ademais, cre que “o uso de fondos públicos non é facil de xustificar” e o Goberno de España terá que rematar posicionándose.

Engadiu que a auga que devolva ao Ulla traerá máis problemas á Ría de Arousa e que o importante é que a poboación faga ruído contra o proxecto, porque será a “mala publicidade” a que pare o proxecto.

“Non nos vai salvar ninguén, temos que salvarnos nós”

Bernardo Valdés: ou pechar Altri ou matar vacas

Bernardo Valdés lembrou que a instalación de Altri en Galicia naceu dunha iniciativa da Xunta e non dun proxecto empresarial da empresa lusa. Puxo o foco na falta de transparencia do goberno galego porque, segundo dixo, “aínda non se sabe por que se elixiu a Altri”.

Valdés comentou que este proxecto era para pechar o círculo da madeira en Galicia, algo que non se vai facer porque Altri exportará a produción, principalmente a Asia.

Mostrouse escéptico polos postos de emprego que prometen crear, pois para os 2000 indirectos non hai ningunha explicación. Sobre os 500 directos, el cre que realmente roldarán os 300, pois nas tres fábricas de Portugal conta con 800 empregos en total para unha produción maior da que se vai a levar a cabo na comunidade.

Fixo referencia a que Altri non menciona posibles afeccións a outros sectores, como o turístico co Camiño de Santiago ou o da agricultura e a pesca, onde hai máis de 1000 afiliados á Seguridade Social na zona afectada e se producen 140 millóns de euros en leite.

O profesor tamén se referiu á superficie de eucalipto, pois serían “necesarias 60.000 hectáreas máis” e tildou de “argumento infantil” que non haxa que plantar máis terreos porque en Galicia xa se produce o suficiente cando hai máis empresas explotándoos.

Engadiu que o proxecto vai contaminar máis o embalse de Portodemouros, facendo referencia a uns cálculos de Xoán Castro que comparar o vertido de Altri ao de 1850 vacas. Este aumento da contaminación, segundo Valdés, podería levar a que se ordee matar vacas.

De esquerda a dereita: Ana Santamariña, Bernardo Valdés, Ariadna Fernández e Xoán Reices // O Xornal da Estrada

Ana Santamariña: os cálculos de Altri están mal feitos

A intervención de Ana Santamariña comezou comentando que Altri incumpriría, como mínimo, 6 medidas de protección da natureza que son requeridas para a axuda que solicitaron.

Lembrou que a contorna da fábrica é unha zona pertencente ao ZEC Serra do Careón rica en biodiversidade grazas as rochas serpentinticas existentes e con catro especies endémicas, das cales 3 están en perigo de extinción.

Á colocación da fábrica lindando co ZEC habería que sumarlle, segundo Santamariña, que a captación de auga, as pistas das obras e as liñas elécticas van “cruzar” este espazo protexido.

No relacionado coa calidade do aire, indicou que a fábrica emitirá gases canceríxenos e que no seu proxecto non tivo en conta posibles reaccións dalgúns gases coa humidade e con outros gases da zona.

A instalación da captación e da liña eléctrica provocarían, segundo Santamariña, unha relación de “servidume” e, no proceso, aumentaría a eucaliptización, algo que reduciría a biodiversidade e aumentaría o risco de incendios forestais.

No relacionado coa auga, Altri tería “un uso privativo durante 75 anos” e consumiría, a diario, 46.000 metros cúbicos, “o mesmo que a provincia de Lugo”. Segundo cálculos da AMEGA, Altri empregaría o 9,2% da auga do encoro de Portodemouros. Centrouse en que a empresa responsable só fixo estudos sobre como afectaría á hidroeléctrica do encoro, pero non a outros usos da presa.

Foi especialmente crítica no relacionado coa calidade coa que sería devolta a auga (o 65% estaría tratada). Segundo Santamariña, “o estudo está mal feito porque usan un programa mal calibrado”. Por iso, algunhas das cifras previstas pola empresa superarían o límite establecido.

“Soltar a auga a 27 graos vai contaminar máis o Ulla”

Santamariña comentou que, no caso de que se leve a cabo este proxecto, empeorará a situación do encoro de Portodemouros e do estuario do Ulla, que xa se atopan en mal estado.

Engadiu que a Xunta “non fai nada por descontaminar” e que “considera que Altri non contamina”.

O novo Nunca Máis

Ao remate, o público aproveitou para intervir. Destacou a intervención de Serafín, da Plataforma Ulloa Viva, que comentou que a intención que teñen desde a plataforma é crear un novo Nunca Máis e invitou aos asistentes a seguir en redes sociais á plataforma e a que se unan aos seus grupos de WhatsApp.


Imaxe de portada:

Público asistente á charla // O Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario