López Bueno solicita melloras na Praia Fluvial: o bar “parece unha chabola”

López Bueno solicita melloras na Praia Fluvial: o bar “parece unha chabola”

Belén López: o pavillón de Pérez Viondi “parece unha piscina”

Luis López Bueno, líder do PSOE na Estrada, solicitou no pleno celebrado este xoves no Concello que se tomen medidas de mellora na Praia Fluvial de Liñares dado que “cústanos a todos 300.000 euros públicos” e que “se estamos pagando por ela, haberá que tela en boas condicións”.

Fixo referencia a que o mobiliario instalado “hai só dous anos” atópase descoidado:

“Bancos e tumbonas destrozadas, zonas de xogo precintadas e unha zona de bar que – con todos os respectos- parece unha chabola”.

Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada, respondeulle que están buscando vías de financiación para as melloras na piscina e na Praia Fluvial, atopándose entre o previsto empregar fondos do Plan +Provincia nas piscinas.

Segundo Louzao, o mantemento vaise realizar pouco antes de que comece a tempada, que será no mes de xullo.

Gran parque exterior

López Bueno tamén lle preguntou ao novo alcalde se ten previsto continuar co proxecto do Gran Parque no entorno do Novo Municipal. Tachou de “disparate” que se pretenda gastar “millóns de euros entre adquisición dos terreos e obras” cando as zonas verdes dependentes do Concello “están como están”.

Sobre este asunto, Gonzalo Louzao respondeu que este proxecto “é un eixe temático da Axenda 2030” e que están pendentes de obter financiación.

Situación do pavillón de Pérez Viondi

Pola súa banda, a concelleira socialista Belén López volveu a preguntar pola posibilidade de desprazar a zona de salto da pista de atletismo á zona máis próxima á grada, ao que o alcalde lle respondeu que non lle consta ningunha resposta por parte dos técnicos.

A socialista tamén se fixo eco da mala situación na que se atopa, novamente, o pavillón do CEIP Pérez Viondi, que é público. López afirmou que este espazo “parece unha piscina”.

Louzao comentou que ese é “un problema estrutural” que reside nun dos muros de contención, a través do cal se filtra a auga. Estas filtracións deberíanse, segundo o alcalde, ao material e ao terreo e comentou que pode pedir que se volva a revisar, aínda que é un problema difícil de solucionar.


Imaxe de portada:
Situación da Praia Fluvial de Liñares // PSOE A Estrada

Comentarios

Deixar un comentario