No pleno deste xoves, a líder de MÓVETE, Mar Blanco, fíxose eco das queixas dos veciños das Quintas, en Tabeirós, que aseguran que continúa a haber irregularidades na traída.
Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada, aseguroulle que se repasou “as eivas notificadas” e que lle consta que aínda quedan cousas sen reparar. Anunciou que as obras entran na segunda fase, polo que se vai desprazar un técnico municipal nas vindeiras semanas ata as parroquias para constatar a necesidade real.
Tras isto, os solicitantes pagarán unha taxa que será igual para todos eles e que, dentro das propiedades privadas, serán os propietarios os que fagan a instalación.
Co remate da segunda fase, comezaría a seguinte, na que se levarían a cabo asfaltados en numerosos puntos de Nigoi e Tabeirós.
“Confianza” en Louzao
Mar Blanco aproveitou a sesión plenaria trasladoulle a súa “confianza” a Gonzalo Louzao en que tome políticas que beneficien ao rural, aínda que os asfaltados anunciados “quedan pequenos”.
Tamén fixo referencia a que no rural se teñen que levar a cabo desbroces máis a miúdo, e na necesidade de que este conte con servizos de saneamento, internet e cobertura telefónica.
Pediulle que se coide o patrimonio cultural e natural, sobre todo ante os casos de “invasión eólica” e o de Altri. Outras das súas peticións foron referidas a un aumento da vivenda pública e á ampliación do Polígono Industrial de Toedo.
A líder da formación local interesouse polos pagos da RPT que, segundo o alcalde, atópanse “en estudo” polos servicios xurídicos do Concello, analizando posibles recursos e pagos a realizar.
Imaxe de portada:
Mar Blanco no pleno do Concello // Concello da Estrada


Deixar un comentario