Este venres 17 de maio tivo lugar na Alameda da Estrada o pregón do Día das Letras Galegas, que este ano están adicadas a Luísa Villalta.
O acto comezou coa lectura dun poema da coruñesa e co discurso do Alcalde, que comparou á pregoeira, Ana Cela, coa poeta, dado que ambas traballan na defensa do galego. Ademais, salientou que a xornalista do Faro de Vigo dou un paso máis e pasou de ser quen redacta as noticias a “ser noticia” coa publicación do seu libro Mamá, sorrí sempre.
Tras isto, foi turno da redactora, que comezou dicindo que non estaba segura de que o que ía dicir fose un pregón, pois non sabía como facer un e que se dou conta diso cando introduciu “en Google as palabras ‘como escribir un pregón’”.
Malia iso, ao remate deste todos concidiron en que “para non saber escribir un pregón quedou bastante redondo”. Nese discurso comezou facendo referencia ás palabras coas que se refería o seu avó á súa avoa: “nena bonita”.
Falou da importancia de que non se perda a lingua na que está redactado este artigo e de como o xornalismo do Tío Marcos d’A Portela, o primeiro xornal publicado íntegramente en galego, mudou por outro no que ten máis importancia o que sucede no momento.
Comentou que moitos xornais hoxe teñen as portadas e varias páxinas “de titulares en galego”, mentras que habitualmente non.
Por último, falou da literatura, mencionando como os xornais dun día coma hoxe pero de 1863 falaban da publicación dun libro en galego escrito por unha muller: os Cantares gallegos de Rosalía de Castro. 100 anos despois comezaba a adicárselle o 17 de maio a algún escritor ou escritora galegos, sendo a primeira Rosalía de Castro.
Ana Cela destacou que desde 1963 ata este 2024 só foron homenaxeadas 6 mulleres, fronte aos 58 homes.
Para ela “faltan páxinas por escribir” pois, por exemplo, faise unha ofrenda floral no monolito de Marcial Valladares, pero esquecémonos da súa irmá, Avelina Valladares.
Culminou a súa intervención pedindo que, se nos sentimos galegos por dentro, demostrémolo por fóra e, a posteriori, realizouse a ofrenda floral no monumento de Marcial Valladares. O acto rematou cun concerto da Banda de Gaitas de Barbude.











Imaxe de portada:
Gonzalo Louzao, Ana Cela e a rapaza que relizou a ofrenda floral // O Xornal da Estrada

Deixar un comentario