O 50 aniversario da Festa do Salmón

O 50 aniversario da Festa do Salmón

Este domingo A Estrada celebrou o 50 aniversario da Festa do Salmón. A festa comezou co pregón, que se celebrou no Teatro Principal.

Luis Prego, o pregoeiro deste ano, destacou o inicio das festas, alá polo ano 1974, e que este ano, se se tratase de anos casados, serían as “vodas de ouro”. Comentou que a festa non só é gastronómica, senón que tamén é un “conxunto de actividades culturais, deportivas e musicais”.

Tamén tratou o tema do “maltrato do Ulla”, que sería o causante da reducción do número de salmóns. Por iso, e tendo en conta que o rural estáse despoboando, Prego cre que hai que “ensinar aos rapaces que non se pode trata como vertedoiro o río”.

Luís Prego no pregón // O Xornal da Estrada

Tras isto procedeuse a facer entrega do Salmón de Ouro. No caso do músico Simón Couceiro foi a súa nai, Amparo Riveira quen o recolleu dado que Couceiro estaba nun concerto coa Banda de Música de Santiago.

Iso non privou aos asistentes de poder escoitar o seu discurso, pois emitiuse un gravado previamente. Nel, Couceiro agradeceu ás bandas polas que pasou e aos seus mestres do Pérez Viondi, que o animaron a saír aos escenarios, e tamén deixou unha adicatoria:

“Vai por miña nai, que por ela estou aquí”

Simón Couceiro // O Xornal da Estrada

Despois foi turno dun local estradense, aínda que con orixes latinas, que colocou á Estrada no mapa nacional grazas á súa hamburguesa: o Argentino’s Burguer.

Os seus creadores, Marta Ventura e Sindo Pose, recolleron o galardón e, unha emocionada Marta Ventura agradeceu á Estrada por acollelos coma se foran uns máis.

Marta Ventura e Sindo Pose // O Xornal da Estrada

A posteriori foi turno dos discursos políticos, comezando polo de José López Campos, Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude. Coincidiu con Prego na necesidade de protexer o Ulla e falou das súas experiencias cos galardoados.

Pola súa banda, o alcalde Gonzalo Louzao destacou que a do salmón é “unha festa que revela o carácter dun pobo”: o de remontar adversidades. Referiuse aos premiados como “profetas da nosa terra” e como “o orgullo dos estradenses”.

Sobre Luís Prego comentou que “é un gran investigador”, sobre Couceiro dixo que “a súa mellor partitura” é “a súa humildade” e, sobre o Argentino’s Burguer, que “a meirande parte dos estradenses estreáronse comendo pizzas e hamburguesas no Argentino’s Burguer”.

Os premiados, no Concello // O Xornal da Estrada

Ao rematar de facer as fotografías do acto, os asistentes dirixíronse, encabezados pola Banda Municipal da Estrada, ata o Concello, onde Marta Ventura e Amparo Riveira animáronse a bailar.

Tapa de salmón // O Xornal da Estrada

Visita de Rueda

Ademais, sobre ás 14.00h chegou á Farola Alfonso Rueda, Presidente da Xunta de Galicia. O alcalde e o conselleiro recibírono e dirixíronse á Praza do Mercado, onde falaron coa comisión de festas, con membros da Asociación de Afectados polo Eólico do Monte Xesteiros e con algúns dos vendedores.


Imaxe de portada:
Autoridades, Luis Prego e os premiados // O Xornal da Estrada

Comentarios

Deixar un comentario