Este domingo o Pavillón Manuel Coto Ferreiro convertíase na sede do Campionato Galego Xunta de Bailes Caribeños e do XX Trofeo SondoDance de Baile Deportivo nos que participaron un total de 250 bailaríns de toda Galicia e, incluso, de Portugal. Durante as 11 horas que durou o evento, as gradas estiveron prácticamente cheas nalgún momento.
No Trofeo SondoDance de Baile Deportivo houbo tres especialidades diferentes: Danza Coreográfica (coreografías en grupo con música de baile-salón mesturada con outras músicas), Bailes Caribeños (salsa, bachata e merengue) e Baile Deportivo, subdividido en bailes standard (vasl inglés, tango, vals vienés, slowfox e quickstep) e bailes latinos (samba, chachachá, rumba, pasodobre e jive).
Os bailaríns de SondoDance só participaron na competición local. En Danza Coreográfica Xuvenil, Anxo Garrido e Xana Garrido acadaron a primeira posición. Aiden Villar e Paula Nercellas remataron segundos en Combinación Xuvenil Segunda Territorial.
Na categoría Combinación Junior I Primeira Territorial, Manuel Matalobos e Noa Romero ocupaban o chanzo máis alto do podio e, Enzo Mogo e Aroa Nercellas, o segundo. Ambas parellas repetían posición en Latino Junior, desta volta acompañados por Aiden Villar e Paula Nercellas na terceira posición. Triana Mogo remataba cuarta en Single Latino Xuvenil Segunda Territorial.
No Open Standard Junior, as parellas ocuparon as catro primeiras posicións da clasificación. Facíano na seguinte orde: Manuel Barreiro e Alba Falcón (1º), Manuel Matalobos e Noa Romero (2º), Enzo Mogo e Aroa Nercellas (3º) e Aiden Villar e Paula Nercellas (4º).
No resto de categorías, Manuel Barreiro e Alba Falcón conseguían o ouro en Standard Junior II B e a prata en Latinos Junior II B; Adrián Gañete e Aixa Bernárdez remataron segundos en Standard Youth B e en Latinos Youth B; e Andrés Díaz e Antía Fuentes facían o mesmo en Latino Adulto I C e remataban terceiros en Standard Adulto B.

















































Deixar un comentario