O vindeiro sábado 1 de xuño terá lugar na Estrada unha nova edición da Feira da Sidra, un dos grandes eventos que celebra anualmente o concello. Ademais diso, terá lugar a primeira edición dunha iniciativa popular: o Xantar Popular da Sidra.
Este evento, que os organizadores comentaron que non ten ánimo de lucro, nace coa idea “de que poida quedarse e que pouco a pouco sexan outros os que poidan organizala”, en referencia aos sidreiros.
Segundo comentou un dos organizadores, a idea inicial era facer un xantar entre amigos, moitos deles que non son do concello e que querían coñecer a festa e, a posteriori, estendeuse o plan a todos os que vaian a desfrutar do evento sidreiro.
O xantar terá lugar no Campo da Feira, ás 15.00h do 1 de xuño. O menú, composto por empanada, polbo, polo campeiro á sidra, sobremesa e bebidas, será cociñado e servido pola Pulpería Porta e custará 30 euros. Tamén haberá un menú infantil a prezo de 15 euros.
O prazo para apuntarse remata este luns 27 e pódese facer chamando ao 646 537 446 ou ao 686 990 745. As enradas pódense recoller na Lacena de Chucha, en 4EcoLoan, nas 3 Portiñas ou en Seguros Sueiro.

Deixar un comentario