O ‘Nunca Máis’ das celulosas

O ‘Nunca Máis’ das celulosas

Este domingo Palas de Reis encheuse de manifestantes que están en contra do proxecto de Altri en Galicia. Segundo fontes da organización, alí había máis de 20.000 persoas, ou o que é o mesmo, a cuarta parte dos que se manifestaban á mesma hora en Madrid contra a amnistía.

E iso que, segundo comentaron desde a organización da manifestación de Palas, moitos asistentes non foron contabilizados porque foron directamente ao punto no que remataba a protesta ou porque marcharon antes de chegar polas retencións que había.

Para Marta Gontá, voceira da Plataforma Ulloa Viva, este foi o “segundo golpe na mesa” que se lle dá o proxecto, pois o primeiro foron “as máis de 25.000 alegacións presentadas”.

Tamén comentou que desde a plataforma falaron con todos os partidos políticos para saber se están do lado da veciñanza, “que non quere esta celulosa nin na Ulloa nin en ningún sitio de Galicia, ou do lado dos cartos e dos intereses duns poucos”.

A manifestación comezou tarde dado que á hora de inicio desta moita xente aínda non chegara debido ás retencións. Na Praza da Feira de Palas, Maika Sánchez, de Agolada, e Mónica Cea, de Palas de Rei, leron o manifesto.

No manifesto imaxinouse cal sería o relato dalgún dos asistentes no ano 2030, no que para acender o lume da cociña emprega “algunha piña e papel vello que gardo nun estante” e que ese día tocoulle queimar “un vello calendario” e pasou polas súas mans “a páxina do 26 de maio de 2024”.

Neste futuro imaxinado, o proxecto de Altri non se levou a cabo grazas á forza veciñal e, así, non se quedaron co “peor” que este traía: “contaminación, destrución dos ecosistemas” e a perda da rede socioeconómica que os sostiña.

O cambio climático sería unha realidade, pero os territorios da Ulloa terían unha industria agroalimentaria e turística próspera. O manifesto rematou regresando ao presente para dicir que “hoxe é ese 26 de maio en que todo empezou a cambiar”.

Na manifestación tamén estiveron presentes membros da Asociación de Afectados polo parque eólico do Monte Xesteiros, que aproveitaron para pedir que este non se leve a cabo.

Comentarios

Deixar un comentario