O Xornal da Estrada estreará este venres unha reportaxe sobre o uso do galego nos adolescentes

O Xornal da Estrada estreará este venres unha reportaxe sobre o uso do galego nos adolescentes

Este venres ás 16.00h O Xornal da Estrada estreará na súa canle de YouTube a reportaxe “Adolescentes galegofalantes, especie en perigo de extinción?”, na que se coñecerán os resultados dunha enquisa exclusiva sobre o uso do galego realizada entre o alumnado de dous institutos do concello.

Nos 50 minutos que dura, tamén se comentará a realidade dos tres bloques nos que se dividiu: o primeiro céntrase nos centros educativos e no día a día do alumnado, o segundo, nos medios de comunicación, e o terceiro, na creación de contido.

Para o primeiro dos bloques contaráse coa presencia de catro profesoras dos institutos participantes, que analizarán os resultados e falarán da evolución do uso do galego entre os adolescentes tendo como referencia o que presencian no seu día a día como docentes.

No segundo bloque, o entrevistado será Pablo García “Chichas”, Presidente da Asociación de Medios en Galego (AMEGA). Aproveitaráse a súa intervención para contextualizar a situación dos medios de comunicación en galego.

Por último, no terceiro bloque, contaráse con Gabriel García, creador de contido en Instagram e TikTok, co que se coñecerán as dificultades que atopan ás veces os creadores de contido en galego a nivel social.

Ademais, o domingo O Xornal da Estrada publicará na súa web os resultados completos da enquisa.

Comentarios

Deixar un comentario