Concorrida charla en Teo sobre os efectos de Altri

Concorrida charla en Teo sobre os efectos de Altri

Na tarde do mércores veciños das dúas marxes do Ulla achegáronse ata a charla informativa organizada polo colectivo A Ulla Viva en Teo sobre a fábrica que ten previsto instalar Altri na Ulloa.

Os asistentes escoitaron a Sérgio Nunhes, do colectivo Santiso Vivo; a Fins Eirexas, da ADEGA, e a Irene Tato, da Ulla Viva. Eles ofreceron os datos sobre os efectos que a fábrica tería sobre a zona próxima, na bacía do Ulla e na Ría de Arousa, onde ese mesmo día se celebrou unha manifestación marítima cunha gran afluencia.

Amais, comentaron os datos que a propia empresa recolleu no seu Estudo de Impacto Ambiental, onde se corrobora que se contaminará o aire e a auga do Ulla e, consecuentemente, da Ría de Arousa; e que se promovería a eucaliptización dos territorios circundantes en 100 quilómetros.

Trala charla, os veciños mostraron a súa preocupación polos efectos que poida ter, chegando á conclusión de que é necesario mobilizarse.

Próximos actos en Galicia contra as celulosas

Este sábado a Plataforma Ulloa Viva en colaboración con Palas Viva organizan un coloquio coas familias de Agolda e Rodeiro sobre os efectos que pode ter a fábrica na infancia e na adolescencia. Será ás 12.00h no Pendello “O Comedor” e nel intervirán Belén Buján, dietista; Teresa Castiñeira, mestra de educación primaria; Ana Corredoira, bióloga e gandeira, e Marta Vázquez, enfermeira.

O domingo ás 12.00h comezará nas Alamedas de Marín e Pontevedra unha manifestación contra as celulosas baixo o lema Nin Ence na ría nin Altri na Ulloa.

O domingo 30 está chamado a ser o gran día: ás 12.00h está convocado o Arrodea a Xunta, unha macromanifestación na que non é descartable que se colapse os arredores de San Caetano.


Imaxe de portada:

Charla en Teo convocada pola Ulla Viva // A Ulla Viva

Comentarios

Deixar un comentario