Os populares pediron a reversión do edificio, unha opción coa que terían que pagar a súa compra
O BNG informou o pasado venres da resposta que recibira o seu deputado Néstor Rego sobre o antigo centro de saúde da Estrada. Nela, o Goberno afirmaba o seguinte:
“La Dirección Provincial de la Tesorería General de la Seguridad Social de Pontevedra contactó con el Ayuntamiento de A Estrada para ponerle de manifiesto la posibilidad de solicitar la adscripción de este inmueble, sin que a la fecha actual se haya recibido solicitud alguna por parte de esa administración local”.
Resposta do Goberno a Néstor Rego
Gonzalo Louzao respondeu afirmando que o Concello solicitou a reversión, para a cal habería que pagar.
O líder dos socialistas, Luis López Bueno, reaccionou a estas novas, afirmando que o PP non está facendo “absolutamente nada” para recuperar dito edificio e acusou ao alcalde de “non estar moi ben informado” sobre a situación legal da edificación.
Explicou que a única proposta posible para poder ter o edificio é a cesión gratuíta e indefinida do inmoble, tal e como aparece recollido na Lei, unha opción que permitiría evitar ter que pagar a súa compra e poderíase financiar a súa reforma con fondos doutras administracións.
Por iso opinou que o PP fixo o “ridículo” ao pedir a reversión, porque “a propiedade é do Estado e a lei impídelle regalar o seu patrimonio: nin a un concello nin a un particular”.
O socialista afirmou que o partido que goberna “non ten interese ningún en recuperar o edificio” porque, de telo, “xa terían avanzado” lembrou a proposta que realizou o seu partido de crear no edificio unhas novas instalacións para a Seguridade Social e levar a cabo programas de saúde mental e ampliación de prazas do Plan Concilia e do Centro de Día.
Imaxe de portada:
Antigo centro de saúde // XAÉ


Deixar un comentario