Luis López Bueno, líder do PSOE na Estrada, valorou o anuncio feito por Gonzalo Louzao de que no proxecto de reforma da Farola non se esixirá a existencia dunha farola que sirva de elemento identificativo ou dunha fonte.
López Bueno cre que este é un novo bandazo do PP e comentou que “cada vez que se fala deste tema, o PP di unha cousa distinta: primeiro sen farola, despois con farola singular e agora outra vez sen ela”.
Para o socialista a reforma da praza é necesario, como manter a farola como elemento de identidade do casco urbano e instalar unha fonte, xa que a tivo no pasado.
Esa fonte, segundo comentou, debería estar a ras do pavimento para permitir o uso dos 900 metros cadrados que se gañarían coa nova praza e puxo como exemplo os casos de Pontecaldelas e Pontevedra.
Afirmou non entender a inquina do PP contra os elementos distintivos da vila e que “aínda que o PP non o crea, poden facerse reformas sen arrasar con todo o que hai”.
En palabras do líder socialista, o PP acabou con todo o bonito que tiña o pobo, como a fonte da antiga alameda ou a pérgola e manifestou que non ten sentido “liquidar” o patrimonio estradense porque “somos un concello histórico e importante en Galicia, a vila da Estrada non apareceu hai 30 anos, temos patrimonio e hai que conservalo” e pediulle a Gonzalo Louzao que “faga caso do clamor popular” e manteña a farola na Farola.
Imaxe de portada:
A Farola // XAÉ


Deixar un comentario