Este sábado celébrase unha nova edición da Estranoite. Ás 21.00h comezará a proba “pitufos”, na que os rapaces percorrerán 80 metros. 10 minutos máis tarde será o turno dos prebenxamíns, cun circuíto de 200 metros.
Ás 21.20h sairán os benxamíns. Na súa proba percorrerán os 400 metros do circuíto A, que comezará á altura da Sala Abanca, pasará ao lado da Igrexa e dos Minicines e rematará no punto de saída. Os alevíns, que sairán ás 21.45h, darán dúas voltas a ese mesmo circuíto.
Ás 22.00h será o turno da proba infantil, na que se dará unha volta ao circuíto B, que ten como saída e chegada a Sala Abanca. Pasaráse pola Igrexa e polos Minicines para continuar por Calvo Sotelo en sentido descendente, xirar en Castelao e continuar pegados á Alameda en sentido ascendente e regresar ao punto de partida pasando por Justo Martínez.
Ás 22.30h entregaránse os premios das categorías alevín e infantil. 15 minutos despois comezará a proba cadete, que constará dunha volta ao circuíto A e doutra ao B.
Ás 23.00h sairán as categorías estrela: xuvenil, junior, promesa, senior e master. O seu circuíto comezará á altura da Sala Abanca, pasará por diante da Igrexa para dirixirse á Feira e continuará por Gradín. Ascenderán por San Paio ata a Farola e descenderán pola Rúa 56, correrán por parte de Antón Losada Diéguez e seguirán polo Camiño da Caldesiña para atravesar a Zona dos Viños, rodear o Novo Mercado e, a través das rúas Manuel García Barros e Irmáns Valladares, chegar á Rúa Peregrina e, a seguir, á Farola. Descenderán por Serafín Pazo ata a Praza do Concello, continuarán por Iryda e percorrerán toda a Rúa Baiuca para chegar á Porta do Sol e ascender por Ulla e Calvo Sotelo ata o punto de saída.
Os participantes puideron escoller entre dar unha volta ao circuíto (4km) ou dúas (8km). Ás 00.30h entregaránse os premios.


Deixar un comentario