O BNG recibiu a resposta á pregunta formulada por Néstor Rego ao Ministerio de Transportes sobre a seguridade da N-640 ao seu paso polo casco urbano da Estrada e sobre a construcción da variante.
Sobre a cuestión da seguridade, o Ministerio afirma que no casco urbano “conta cunha sinalización e balizamento correctos e adecuados” e que “non ten a consideración de Tramo de Concentración de Accidentes”.
Por iso, Xoán Reices, concelleiro do partido na Estrada, asegurou que esta resposta é “decepcionante” porque “na nosa vila producíronse 9 atropelos en 6 anos” e asegura que “calquera administración minimamente sensíbel tomaría cartas no asunto e faría un estudo, como mínimo, para analizar a situación e buscar solucións”.
Reices cre, a partir da resposta recibida, que “non van tomar medida algunha para paliar a alta sinistralidade deste tramo da N-640”.
Sobre a variante, o Ministerio respondeu que “está pendente da licitación dun contrato de asistencia técnica para a redacción do correspondente proxecto de trazado e construcción” e que iso “dependerá das dispoñibilidades presupostarias e da priorización que se estableza”.
O nacionalista afirmou que “seguimos nas mesmas” e que, “en resumo, o goberno de PSOE e Sumar pasan da Estrada e das prioridades dos veciños e veciñas”.
Amais, afeou que “esta loita pola seguranza viaria” a estean “levando en solitario”, porque “en abril presentamos unha moción para instar ao goberno do estado a unha solución a todos estes problemas que afectan a esta estrada clave que atravesa o noso concello, e de momento o goberno municipal nen sequera a levou a pleno”, algo que demostraría “a falta de interese do PP”.
Imaxe de portada:
Punto no que se produciu o último atropelo // Google Street View

Deixar un comentario