Os partidos da fase de grupos da AE League remataron este luns deixando algún xesto de deportividade a modo de comunicado.
O Shakhtar Portela, que o domingo goleaba ao Carneiros 27-0, converténdose así na maior goleada da historia da AE League, desculpábase a través dun comunicado. Aseguraron que non “desfrutamos dunha vitoria por unha marxe tan ampla” e que o fixeron porque necesitaban unha diferenza de goles bastante ampla para poder clasificar para oitavos.
Por iso, engadiron, “recoñecemos que iso puido levar a unha situación incómoda para todos os involucrados, incluído o rival” e suxeriron que, en vindeiras edicións da competición, primen os enfrontamentos directos fronte ao gol average para evitar este tipo de situacións.
Pouco despois de sacar este comunicado, os de Cuntis enfrontábanse ao vixente campión da liga: Los Xavales. E facíao nun axustado encontro no que empataron a 6.
Outro partido que rematou axustado foi o Vodka Juniors – Inter Parroquial, no que o equipo das parroquias conseguía o seu primeiro punto ao lograr o empate a 4. Con marcadores menos igualados remataron o Catania – Unión (8-6) e o Soldadores – Inter de Compostela (5-10).
Resultados do domingo
Ademais do Carneiros – Shakhtar Portela, este domingo celebráronse o Unión – Castro (12-4), o Garretillo – Real Rubín (16-4), o Princesitas – Vodka Juniors (6-6) e o Catania – Moraña (11-8).
Tamén se tiña que ter celebrado un partido que enfrontase ao Picaflautas co Inter de Compostela, pero o Picaflautas anunciaba horas antes que non ía desputar o partido por dúas lesións que se producían no encontro contra o Soldadores, unha delas, nunha agresión.
No seu comunicado tamén afirmaron que esperaban “que a Liga tome accións xa que tras o ocorrido no anterior encontro privóusenos case totalmente a nosa clasificación na fase de grupos” (sic).
Rápidamente, desde Soldadores respondían con outro comunicado no que mostraban a súa disconformidade cos “intentos de descalificación do noso equipo mediante a invención de normas e dun segundo feito non verificado”.
No texto afirmaron que “non existe ningunha base regulamentaria que respalde a descalificación dun equipo por unha agresión” e que “as acusacións dunha segunda agresión son completamente falsas e carecen de calquera tipo de evidencia que as sustente”.
No regulamento da AE League aparece recollido a posibilidade de expulsión dun xogador por “conduta violenta”, pero non a dun equipo.

Imaxe de portada:
Shakhtar Portela – Carneiros // AE League

Deixar un comentario