O San Paio 2024 está chegando á súa fin. Este sábado, por quinto e último día, as bombas de palenque abrirán a xornada festiva ás 10.00h e, unha hora máis tarde, unha charanga percorrerá o casco urbano.
Ás 12.00h terá lugar o pasarrúas Pe tras pé, no que a Banda de Barbude, o Centro Cultural A Ponte Vella e o Rancho Típico da Amorosa (Portugal) animarán as rúas da Estrada. A última das agrupacións, ademais, dará un concerto ás 13.30h.
Ás 14.00h teremos a última sesión vermú, desta volta da man de Willington Mariachi na rúa Antón Losada Diéguez e, ás 17.00h, o último pasarrúas dunha charanga.
Ás 18.00h a música flamenca regresará á Estrada coa actuación de Sara e Kike na Praza do Mercado. Ás 19.30h a banda estradense Pants Off animará a Zona dos Viños.
Ás 20.00h, as agrupacións participantes no pasarrúas Pé tras pé participarán no cuarto Festival de Música Tracional que se celebrará na Farola. No mesmo escenario actuarán dúas horas e media despois Tequexetéldere, Donaire (A Coruña) e Cantigas e Flores (Lugo) no marco do Festival de Ruada na Estrada.
Ás 00.00h a atención centraráse no ceo, que se prevé que estea cuberto, pois desde A Cañoteira lanzaránse os fogos fin de festa. A continuación, a música soará por última vez desde a Praza do Concello coa actuación de Milladoiro e, desde ás 2.00h, na Porta do Sol con Gin Tony’s.
Os últimos actos do San Paio serán o domingo. Desde ás 10.00h celebraránse as finais do Torneo Municipal de Tenis nas pistas da zona deportiva e, ás 13.00h, a Banda Municipal da Estrada dará un concerto titulado A Rapa das Bestas na Praza do Concello. Desde as 18.00h será o Día do Neno nas atraccións da Feira.
Deste xeito rematarán unhas festas que, por primeira vez desde o inicio da pandemia alá polo ano 2020, foron organizadas por un grupo de estradenses, con Manolito Gañete á cabeza. Despois disto, tocará agardar outros 360 días para volver a desfrutar dunhas San Paio na Estrada.
Imaxe de portada:
Fogos fin de festa do San Paio 2023 (27/06/2023) // R. R.

Deixar un comentario