Luis López Bueno, líder dos socialistas estradenses, reaccionou ao anuncio de SOGAMA de aumentar o canon a pagar os concellos por tonelada de residuos que, segundo a empresa, prodúcese debido ás perdas que sufriron no ano 2023 a causa das “decisións do Goberno central adoptadas no último ano e medio, incluída a aplicación do novo imposto estatal á vertedura e á incineración”.
Segundo o socialista, este aumento do canon traduciráse en que o Concello terá que pagar 94 euros por tonelada fronte aos 80 actuais. Isto levaría, afirma, a que se pase de pagar 495.000 euros anuais a pagar 585.000 euros.
“Este incremento é un auténtico disparate, e máis aínda na situación económica que este goberno ten ao Concello”
Luis López Bueno, PSOE
López Bueno propuxo instalar composteiros no casco urbano, algo que permitiría reducir un 30% o peso do colector verde e que lle propuxo “máis de tres veces” ao alcalde. Ademais, asegurou, o mantemento podería facerse a través dos plans provinciais e así ser gratuíto, algo que “o goberno da Estrada decidiu non facelo”.
Coas contas feitas polos socialistas, ao reducirse as toneladas enviadas, A Estrada poderíase acoller a unha redución do 15% do canon, polo que a factura podería baixar ata os 295.000 euros e que, se se fixera hai catro anos, poderíanse ter aforrados 800.000 euros.
“Os concelleiros e concelleiras do PP demostran que non están á altura dun Concello como A Estrada”
Luis López Bueno, PSOE
Pediu que o alcalde intente “liderar” aos concellos do interior para conseguir, alomenos, que non suba o canon a pagar.
Ademais, López Bueno criticou que a sociedade pública estea contratada “sen procedemento e en precario” e que non preste un servizo en condicións e reclamou que se aumente o número de colectores de plástico, vidro e papel no rural.
Imaxe de portada: Colectores na Avenida de Santiago // Arquivo / cedida

Deixar un comentario