Amalia Lago, Concelleira do PSOE da Estrada, reaccionou á visita de Fabiola García, Conselleira de Política Social e Igualdade, á unidade de atención temperá da Estrada.
Unha visita que chegou despois de que o concello perdera unha subvención de 37.000 euros para o Espazo Concilia despois de que o PP fixera “tan rematadamente mal que o proxecto que presentou A Estrada quedou de 182 dos 231 presentados”.
Lamentou que nin Gonzalo Louzao nin Amalia Goldar conseguiran o financiamento para o Espazo Concilia, algo que “viña sendo normal” ter, e mostrouse sorprendida de que “ningún dos dous fora capaz de pedirlle á Conselleira que se ampliara máis o crédito das subvencións para que entrara A Estrada”.
Segundo explicou, pese a que a Consellería xa ampliou anteriormente o orzamento, “nin sequera estivemos cerca de recibir financiamento” e, ao non recibir a subvención, “é imposible ampliar os horarios nos meses de verán ou incrementar o número de prazas”.
Traslado dos servizos sociais
Durante dita visita, Gonzalo Louzao afirmou que era necesario tomar medidas ante o incremento de prazas no centro de día e de persoal e horas na unidade de atención temperá e que unha das posibilidades existentes é trasladalos ou ao antigo edificio do INEM ou ao edificio que actualmente ocupa o Xulgado Número 1.
Por iso, Amalia Lago lamentou que o mandatario continúe “coa súa teima particular” de utilizar o edificio xudicial para os servizos sociais e afirmou que, “podendo ter o centro de saúde antigo con 2.600 metros cadrados, Amalia Goldar e Gonzalo Louzao prefiren un edificio de 530 metros no que non caben todos os servizos”.
Ademais, cre que de levarse a cabo dito traslado, Louzao vai “hipotecar aos gobernos que veñan no futuro” e pediulle a Goldar que explique “como se supón que vai ampliar as prazas dos distintos programas nun edificio tan pequeno”.
Imaxe de portada: Gonzalo Louzao, Fabiola García e Amalia Goldar durante a visita á unidade de atención temperá da Estrada // Xunta de Galicia

Deixar un comentario