A Banda Municipal participará este venres no Certame de Bandas de Música de Aranda del Duero

A Banda Municipal participará este venres no Certame de Bandas de Música de Aranda del Duero

Este venres a Banda Municipal da Estrada tocará, por primeira vez, no XXIII Certame de Bandas de Música Villa de Aranda. Fárao a partir das 22.00h na Praza do Trigo do concello burgalés.

Na primeira parte da actuación interpretarán El torico de la cuerda, de Luis Serrano Alarcón; a obra obrigatoria La sombra del peregrino, de J. L. Peiró; e Rapa das Bestas, de Simón Couceiro.

Na segunda parte tocarán outra obra obrigatoria, Arcana, de Kevin Houben, e outra obra elixida pola banda, La leyenda del beso, de Reveriano Soutullo e Juan Vert.

Nesta edición do Certame de Bandas de Música tamén participará outra banda da provincia de Pontevedra: a Banda Artística de Merza (Vila de Cruces). No seu caso, actuarán o venres 30 de agosto, pechando así o concurso.

Desde o ano 2000, ano no que se comezou a celebrar, foron varias as bandas da provincia que resultaron premiadas: a Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas (2000 e 2008, 1º premio), a Banda de Música Xuvenil de Barro (2004, 3º premio), a Banda de Música Xuvenil de Torroso – Mos – (2006, 3º premio), a Agrupación Musical Atlántida de Matamá (en 2006 o 3º premio e en 2008 o 2º), a Banda Unión Musical de Meaño (en 2009 o 3º premio e en 2022 o 1º), a Banda Municipal de Música de Silleda (2013, 1º premio), a Banda de Música de Catoira (2014, 2º premio), a Banda-Escola de Música de Beade (2018, 2º premio) e a Banda de Música de Caldas de Reis (2019, 1º premio).


Comentarios

Deixar un comentario