ADEGA conseguiu recaudar algo máis dos 9500 euros necesarios para presentar un recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra o eólico Monte Xesteiros.
Segundo a asociación ecoloxista, este parque eólico podería causar afeccións á fauna protexida, á flora endémica e a bens patrimoniais.
No relacionado coa flora e a fauna, afectaría ás poboacións de píntegas rabilonga, de tritóns, de sapos, de víboras de Seoane e de lobos e aos exemplares de Narcissus Triandrus, de Narcissus Bulbocodium, de breixo branco e de carballeiras centenarias existentes nos montes Pico Calvelo, Monte Pedroso, Chans de Fiáns, Alto da Lagoa e Alto do Monte.
No relacionado coa hidroloxía, podería prexudicar ao Tembradoiro, ás Eiras dos Mouros, ao Rego da Fervenza, á Fonte da Virxe, ás correntes superficiais que abastecen ás vivendas e aos puntos de abastecemento para a extinción de incendios forestais.
O proxecto, segundo a ADEGA, tería un “grave impacto paisaxístico” e, dentro da poligonal do proxecto quedarían as igrexas de Santa María de Frades e de Santa Mariña de Barcala, a Capela da Virxe da Piedade de Requián e varias mámoas e túmulos da Idade de Bronce.
O parque eólico tamén damnificaría socioeconómicamente á zona, informa a asociación. Nesa zona existen explotacións gandeiras de pastoreo e desvalorizaríanse as vivendas, algo que “contribuirá á desertización dos núcleos rurais”.
Ademais, desde o BNG da Estrada denunciaran que no proxecto non se tiña en conta actuacións sobre o tendido eléctrico, alumeado público e tendido de telecomunicacións” que existen na zona.
Imaxe de portada: Cartel contra o eólico Monte Xesteiros // Arquivo / Afectados Parque Eólico Monte Xesteiros


Deixar un comentario