Este martes presentouse no MOME o libro Liberdade para o galego. Política, uso e disposición da lingua, de Marcos Maceira e Elsa Quintas. Ademais dos autores, no acto estiveron presentes Clara, da Asociación Vagalumes, e Pablo Chichas, Presidente da Asociación de Medios en Galego.
A primeira en intervir foi Clara, que mencionou que o futuro do galego xógase “na xente xoven”. Comentou que os cidadáns descoñecemos os dereitos lingüísticos que temos e que, pese a que os políticos din que a nosa lingua “hai que usala con liberdade”, o libro presentado fai reflexionar que non existe esa liberdade.
Mencionou datos da Mesa pola Normalización Lingüísitica que se recolleron no libro que reflexan que o 99% do audiovisual, dos xoguetes e dos xuízos son completamente en castelán. Engadiu que “se non fora pola Mesa, a situación do galego sería peor”.
Pablo Chichas, locutor de Radio Estrada e Presidente da Asociación de Medios en Galego (AMEGA) afirmou que os medios en galego atópanse nunha situación de “precariedade” e que hai “contados medios que compitan contra grandes grupos mediáticos”.
Fixouse nos orzamentos para a normalización lingüística, nos que a maioría dos cartos adícanse “á cultura, ao folclore”, facendo que os medios pasaran “dun estancamento a un retroceso”.
Tamén mencionou que a Xunta reparte máis fondo aos medios que están en castelán, algo que non axuda aos medios en galego.
A presenza do galego nos principais medios tamén é residual: Chichas falou de Radio 4 (Radio Nacional de España), que non existe cando noutras comunidades si, e de que, ademais dos medios públicos, só hai unha canle de televisión que emite en galego: Nós TV.
Celebrou que, por primeira vez na historia de AMEGA, puideron reunirse co Director Xeral de Medios, ao que lle trasladaron que queren que os medios en galego poidan recibir subvencións para engadir tradutores nas súas webs.
Comentou que, nun informe que tiveron que entregar ao Consello de Linguas Minorizadas do Consello de Europa, a situación que eles mostraron era “completamente contraria” á mostrada pola Xunta.

Elsa Quintas, avogada e Vicepresidenta da Mesa, afirmou que a Constitución española “reduce as posibilidade de uso” da lingua, dado que existe “o deber de coñecer o castelán” pero non o de coñecer o galego.
Fixo referencia a un auto do Tribunal Constitucional no que se recoñece “que fai falla facer máis” para asegurar a supervivencia do idioma e tirou de hemeroteca para ilustrar a situación do galego, citando momentos tan curiosos como cando unha parella tivo que casar en Ferrol cun intérprete no ano 2005 ou a expulsión por segunda vez dun paciente do Álvaro Cunqueiro por solicitar os consentimentos en galego.
Falou de que se vive unha situación dunha “imposición non cuestionada” do castelán e que a cuarta parte dos menores non se ven capaces de falar en galego. Por último, desexou que “a Mesa non tivese que existir”.
A última intervención foi a de Marcos Maceira, Presidente da Mesa, que fixo referencia á situación dos medios de comunicación, con licencias de radio que se incumpren e cun dato cando menos curioso: “o único xornal impreso en galego é o único que non recibe axudas por existir”.
Comentou como a TVG reduciu a oferta de contido infantil e como en Clan (TVE) pese a estar obrigados a emitir contidos en galego, non existen. De TVE tamén mencionou que a información en galego só existe de luns a venres.
Mencionou, como anécdota, que os países cun Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) maior son os que teñen unha lingua normalizada mentras que, os menos desenvolvidos, teñen unha lingua oficial imposta na colonización.
Cre que é posible reverter a situación do galego e, como mostra, os datos do IGE de 2019 que indican que o número de pais e nais que lle falaban aos seus fillos en galego aumentou.
Afirmou que son os políticos os que evitan que se reverta a situación, xa que sempre culpan á Mesa ou a determinadas persoas. Os medios de comunicación xogan un rol importante, dado que nalgúns casos relacionaron procesos levados a cabo pola Mesa co BNG.
Imaxe de portada: De esquerda a dereita: Clara, Marcos Maceira, Elsa Quintas e Pablo Chichas // O Xornal da Estrada


Deixar un comentario