Este martes o Estradense presentou na Praza do Concello o seu equipo desta tempada e a súa nova equipación. Un acto especial porque coincide co ano do centenario do clube.
Despois de que os xogadores e todo o equipo técnico baixaran do autobús, Manuti, o adestrador, afirmou que o reto vai ser “defender o escudo e a camiseta por todos os campos de Galicia da mellor maneira posible” e engadiu que “sería un orgullo que nos animarades todos”.
O seguinte en falar foi Toño Camba, Presidente do clube, asegurou que “é un orgullo” presidir o Estradense no seu centenario e “levar sete anos coa mesma directiva”. Asegurou que “non é fácil seguir unidos”.
Ao referirse á plantilla, afirmou estar “ilusionado” e que “foi o ano máis fácil para confeccionar a plantilla”, xa que as renovacións confirmáronse “nunha semana”.
Notou que “a afección está máis pendente” e confirmou que nunha semana tiveron 80 altas de socios e cre que esta vai ser “un ano moi ilusionante”.

Luis López ‘Lugués’, Presidente da Deputación de Pontevedra, asegurou que “cen anos non se fan todos os días” e que a provincia “é un filón” no deporte. Como o Estradense fai os cen anos un ano despois do Celta, afirmou que o equipo está “ao mesmo nivel” que o celeste.
Lembrou o seu pasado como futbolista e recoñeceu que “unha das cousas que me queda é xogar contra o Estradense, ademais doutros equipos” e que, quizais, o faga “como veterano”.
O discurso do Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, tamén comezou con referencia a centenarios, pois “hai sete ou oito anos celebramos o centenario do Concello”.
Lembrou como “hai sete anos tivemos a sorte de atoparnos con estes vinte home e mulleres” que “levaron ao Estradense á mellores cotas de éxito deportivo e de xestión”.
Recoñeceu que, ao facer os catro anos de mandato, a directiva mostrouse disposta a deixar o cargo – tal e como tiña que ser – pero que “non podiamos deixar marchar a esa Xunta Directiva” e que, por iso “díxenlles”, para convencelos, “que sería un orgullo para A Estrada que esa directiva puidera rematar o seu ciclo coa celebración do centenario”.
Asegurou que ” o Estradense é unha das institucións máis importantes que temos no concello” e desexou que sexa unha “tempada extraordinaria”.

As intervencións pechounas o alcalde Gonzalo Louzao, que comezou dicindo que “temos que pensar naqueles que soñaron cun clube na Estrada” e agradeceu a todas as directivas que “gran a gran” conseguiron chegar ao centenario.
Afirmou que o clube “é un dos clubes por excelencia” e chamou aos estradenses a “facer unha auténtica festa no Novo Municipal. Este, segundo Louzao, “é un pistoletazo de arrancada para unha gran tempada” e, facendo unha referencia a Curros Enríquez, desexou “mil primaveras máis para o estradense”.
Nova equipación

No acto presentouse a nova equipación. As camisetas están formadas por raias verticais, alternando tonalidades máis intensas e suaves dunha mesma cor.
A equipación principal mantén o vermello como cor e, o pantalón, será branco. Na segunda equipación dos xogadores e na segunda dos porteiros tanto a camiseta coma o pantalón empregan a mesma cor: azul e negro, respectivamente.
No caso da principal do porteiro, a camiseta emprega catro tonalidades: as máis intensas na metade dereita e, as claras, na esquerda. Neste caso é unha “homenaxe” aos “antigos porteiros”.
Imaxe de portada: Foto de equipo // O Xornal da Estrada

Deixar un comentario