O Pleno rexeita a moción contra Altri só cos votos do PP

O Pleno rexeita a moción contra Altri só cos votos do PP

O pasado xoves o Pleno votou a moción presentada polo BNG contra Altri, que foi rexeitada só cos votos do PP, partido que ten a maioría absoluta.

Ricardo Castro, que exercía nese pleno como voceiro do BNG, afirmou que o que Altri quere construir “é unha macrocelulosa”, igualándoo con Ence, e indicando que é “un proxecto perxudicial para Galiza e para A Estrada” porque haberá “máis eucalipto” e “máis monocultivo”, ademais de que a contaminación do Ulla, xa moi alta no embalse de Portodemouros, empeorará.

O biólogo asegurou que a auga do Ulla deixará de ser apta para a saúde, que o caudal do río baixará nun terzo e que A Estrada terá problemas para abastecerse de auga a partir de 2035. Por iso, pediu manifestarse e instar á Xunta “non dar nin un euro” dos prometidos ao proxecto.

Luis López Bueno, voceiro do PSOE, confirmou o voto a favor da moción por parte do seu partido, pois o proxecto “non nos dá boa espiña”. Afirmou que Altri busca cumprir todas as condicións por “unha cuestión de cartos” e repasou riscos que podería ter a nivel económico e sanitario. Ademais, lembrou que A Ulloa Viva é “unha iniciativa veciñal”  (o PP autonómico afirmou en reiteradas ocasións que estaba detrás dela o BNG) comparable co Nunca Máis que está desmentindo todo o que afirma Altri. Ademais, considerou “hipócrita” votar en contra da moción.

Pola súa banda, Mar Blanco, voceira de Móvete, tamén insistiu nas consecuencias que terá “Galicia e para A Estrada” e que hai que decidir “o modelo de país que se quere: ser unha colonia” – o que inclúe os eólicos, as minas, as celulosas e os viñedos – “ou promover os nosos sectores produtivos”.

Blanco cre que “o momento de decidir é agora” e que “hai que antepoñerse antes de que o proxecto siga avanzando”. Resaltou a importancia da mobilización social e confirmou o seu voto afirmativo.

Tras isto chegou a quenda de Gonzalo Louzao, o alcalde, que dixo que “non sei se o temos claro ou non” antes de comezar a repasar titulares de cando o proxecto daba os seus primeiros pasos e todos os partidos o apoiaban. Afirmou que van agardar os informes dos técnicos e que “eu non vou ser defensor de Altri” pero tampouco vai “dar opinións sen a información dos expertos”.

Xa no turno das réplicas, Ricardo Castro lembrou que a moratoria que prohíbe plantar eucaliptos en terreos nos que non se plantara anteriormente remata en 2025 e que aínda non se sabe se se prorrogará e pasou a explicarlle por que cambiaron de opinión: un dos argumentos foi que nun principio a fábrica sería de lyocell que se instalaría na Mariña para “compensar a perda dos postos de Alcoa” pero, na actualidade, nin se vai instalar na Mariña nin Altri ten a patente do lyocell. O outro argumento manifestado por Castro é que se “prometían postos de traballo que a empresa non pode dar”.

Despois de lembrar que todas as universidades galegas manifestaron a súa oposición á fabrica, asegurou que “sei facer autocrítica: a culpa foi nosa por confiar no PP”.

Seguiuno López Bueno, quen afirmou que “a Xunta e Altri venden a fábrica como algo bo” e lembrou que a celulosa “é a sexta actividade económica do sector forestal que máis valor engadido bruto xera” e pediulle ao PP que  “pensen ben o que fan, pensen que farían se isto pasara aquí”.

Mar Blanco fixo unha breve intervención para dirixirse aos populares: “cometen un grave erro non apoiando á Estrada e ao Ulla contra esta celulosa”.

Pola súa parte, Louzao afirmou que polo momento non se queren posicionar e que se os técnicos dan o visto bo ao proxecto, apoiaráno. Por iso votaron en contra da moción.


Imaxe de portada: Recreación da fábrica de Altri // Altri

Comentarios

Deixar un comentario