Este martes comezarán catro días de festa en Couso

Este martes comezarán catro días de festa en Couso

Arrancarán co Festival As Nosas Músicas e rematarán coas Festas Patronais

Este martes comezará o Festival As Nosas Músicas. Desde ás 17.00h haberá xogos tradicionais e, unha hora máis tarde, abrirá a II Mostra de Artesanía ANM. Ás 18.15h actuará a charanga A Ponte Vella e, ás 19.30h, haberá unha representación de títeres coa función As xeneralas do Ulla. Desde ás 21.00h será a ruada coa actuación de Benofan, das pandereteiras A Ponte Vella e Rosalía de Castro, de Pinguela de Bama e de Silvaredonda.

O mércores ás 12.00h abrirá a II Mostra de Artesanía ANM e, media hora máis tarde, comezará o taller Formacións musicais na comarca da Ulla. As requintas, con Pablo Carpinteiro. A sesión vermú, que estará amenizada pola Requinta de Lampai, comezará ás 14.00h.

Pola tarde, ás 17.00h, reabrirá a Mostra de Artesanía e haberá xogos tradicionais. Ás 20.00h comezará a actuación de Art-Monium e, un cuarto de hora despois, haberá un curso de iniciación ao baile tradicional con Nuria Gesteira.

Pola noite, actuarán Os d’Abaixo, Comando Curuxás, Art-Monium, Ailá e Pansenfrón e, despois, haberá unha foliada aberta. Ademais, entregaráse o Premio As Nosas Músicas a Dorothé Schubart.

O xoves comezarán as Festas Patronais. Ás 13.00h oficiaráse unha misa solemne, seguida dunha procesión e da sesión vermú amenizada por Tres Pesos. Á noite actuarán Son II e La Sincereza Pinchacumbias.

O venres a misa oficiaráse ás 13.00h e, despois da procesión, Os Pereiriños de Curantes poñerán a música na sesión vermú e Prisma e Banda de Nash na verbena.


Comentarios

Deixar un comentario