Este martes membros da Plataforma Ulloa Viva mantiveron unha reunión coa vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, sobre o proxecto de Altri en Galicia.
Esta última afirmou estar “radicalmente en contra deste proxecto”, e definiuno como “altamente contaminante, e que pon en risco a saúde pública da poboación e carece de valores democráticos primarios”.
Marta Gontá, voceira da Ulloa Viva, asegurou que “teremos na vicepresidenta do Goberno unha garante dos nosos dereitos en Madrid”. Lembrou que a fábrica “emitirá 8.754 kg de gases contaminantes ao día por unha cheminea de 75 metros e verterá, entre otras sustancias, 60 toneladas diarias de sulfatos ao río Ulla”.
Comentou que a fábrica de Altri vai consumir “tanta auga coma toda a provincia de Lugo ao día” cando está previsto que, como consecuencia do cambio climático, o caudal do río irá en descenso. Engadiu que a auga verteráse de volta ao Ulla a “27 graos”.
“A duración do proxecto supera o período de concesión do encoro de Portodemouros, o cal é esencial para o funcionamento da fábrica. Isto xera unha incerteza sen resposta clara, tanto desde o punto de vista ambiental como de seguridade”, afirmou.
Denunciaron que os límites calculados pola empresa foron calculados con datos de caudal mensuais ou anuais, “o que anula o comportamento diario do río, favorecendo que, por exemplo, os datos de dilución sexan favorables”.
Imaxe de portada: Reunión con Yolanda Díaz // Plataforma Ulloa Viva

Deixar un comentario