O BNG propón a creación dun premio que homenaxee a Ramón Verea

O BNG propón a creación dun premio que homenaxee a Ramón Verea

Xoán Reices, voceiro do BNG na Estrada, presentou unha moción para a creación do Premio Ramón Verea, que recoñecería a científicos e científicas da Estrada e, á vez, a labor levada a cabo polo estradense que inventou a calculadora.

Reices cre que “o noso concello ten unha débeda histórica co noso veciño Ramón Verea, unha figura que a maioría dos veciños e veciñas descoñece, e cremos que é a hora de poñer en valor, creando uns premios co seu nome para non só para axudar a divulgar a ciencia entre as novas xeracións, senón tamén para axudalas economicamente na súa carreira científica”.

Verea naceu en Curantes no ano 1833. Con 22 anos emigrou a Cuba, onde comezou coa súa labor de escritor, inventor e xornalista, sendo un dos seus primeiros inventos unha máquina para pregar xornais. Anos máis tarde, emigra a Nova York, onde inventará a súa famosa calculadora, que era capaz de calcular operacións aritméticas de ata 9 cifras e que actualmente forma parte da colección da Internacional Business Machines Corporation (IBM).

A súa calculadora foi a máis rápida da época: era capaz de calcular 698.543.721 x 807.689 en tan só 20 segundos

Promover a ciencia entre os máis novos

Na moción tamén se inclúe que, “en colaboración coa FECYT, as Universidades, o CSIC e os centros de ensino” se leve a cabo “unha feira da ciencia” na que habería “actividades de exposición e divulgación de proxectos”. Ademais, propoñen que se leven a cabo charlas nos centros educativos sobre o inventor estradense para “facilitarlle á xuventude recoñecer a importancia do traballo científico, así como achegarlle a ciencia, para que deixen de velo como algo alleo”.


Comentarios

Deixar un comentario