Este venres o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada, visitaron as obras do edificio da FP de Madeira do IES Antón Losada Diéguez. A obra, que custou algo máis de tres millóns de euros, atópase co 72% completado e, segundo as previsións, estará listo en setembro, coincidindo co inicio do curso.
O edificio permitirá que dito ciclo teña edificio propio – ata o momento empregaban un dos pavillóns da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada – e terá dúas plantas: na baixa atoparánse a aula polivalente e técnica, os vestiarios, o cuarto de limpeza, o cuarto de instalacións e un almacén e, na superior, a sala de profesores, o aseo, a área de talleres e outro almacén.
“Esta nova infraestrutura vai permitir dotar á FP na Estrada de máis e mellores espazos, dando pulo a unha familia profesional que alimenta un sector produtivo que é referente neste concello”
Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP
Outras tres obras de gran envergadura
Actualmente estánse levando a cabo outras tres obras de gran importancia en centros educativos do concello: a rehabilitación integral do CEIP Pérez Viondi e as reformas das instalacións eléctricas do CEIP Manuel Villar Paramá e do CEIP Cabada Vázquez. Ademais, tamén se están cambiando as fiestras do CEIP do Foxo.


Deixar un comentario