“[Louzao] non vai cumprir ningunha das promesas que está facendo”
O PSOE avanzou que este ano o goberno local só vai asfaltar oito viais do rural. Para iso investirá algo máis de 250.000 euros, converténdose na cifra máis baixa da serie histórica.
Luis López Bueno, voceiro do partido, afirmou que este dato demostra a “paralización total dos investimentos nas parroquias”. “Este ano só se licitaron 252.000 euros: 125.404 con cargo a fondos da Deputación do ano 2022, 2023, e 131.720 do PDR da Xunta de Galicia”, comentou, lembrando que as actuacións aínda non se levaron a cabo.
Engadiu que “non vai haber nin un euro máis”, o que significaría, segundo o socialista, que Louzao “non vai cumprir ningunha das promesas que está facendo”.
López Bueno asegurou que sería necesario investir “un mínimo de 800.000 euros” anuais e chegar “a máis de 35 pistas” para solventar a situación do viario estradense, unha cifra que, de gobernar os socialistas, sería de “máis de un millón de euros”.
O líder da oposición non entende como, se o alcalde afirmou que este sería o goberno “máis rural”, vai “quitarlle todos os investimentos ás parroquias para dedicarlle 1.200.000 euros á reforma da Farola”, proxecto para o que “hai outras vías de financiación, como un convenio coa Xunta de Galicia ou outras liñas de subvención, tanto europeas como do Estado”.
Afirmou que, con José López Campos como alcalde, “existía certo consenso” e acusou a Gonzalo Louzao de empregar a opción máis fácil: “cortar inversións dun sitio para poñelas noutro sen molestarse sequera en buscar cartos en outras administracións”.
Imaxe de portada: Pista en Tabeirós // cedida

Deixar un comentario