O BNG acusa ao PP de xogar coa saúde dos estradenses

O BNG acusa ao PP de xogar coa saúde dos estradenses

O baño na praia fluvial quedou prohibido despois de que se rexistraran niveis de Enterococos intestinais superiores aos recomendados para a saúde humana.

Para o BNG o culpable desta situación é o goberno local, a quen acusan de facer caso omiso aos diversos avisos que fixeron sobre problemas nas arquetas dos sumidoiros, especialmente preto da praia fluvial. Segundo os nacionalistas, “periodicamente bota por fóra todo tipo de desperdicios”.

Pregúntanse que van facer os populares: “seguir mirando para outro lado ou solucionar os problemas dos sumidoiros, un problema de primeira necesidade que afecta, como vemos, á saúde dos veciños e veciñas?”.

Comentan que “o PP leva instalado desde hai ano en políticas efectistas para a galería, porque sabe que iso élle rendíbel electoralmente, mentres descoida os problemas reais dos veciños e veciñas” e lembraron que máis do 80% das parroquias aínda non teñen saneamento e que Augas de Galicia multou en diversas ocasións ao concello por verteduras ao río.

“O goberno do PP é un irresponsábel que xoga coa saúde dos veciños e das veciñas”

Ademais, pediron que, se está desaconsellado bañarse, se coloque un cartel advertindo diso, dado que na xornada de hoxe puido verse xente bañándose no río.

“Desde o BNG instamos ao alcalde, o Sr. Louzao, a que se tomen con urxencia novas mostras e se persiste a contaminación prohibir o baño, advertindo con carteis do perigo”.


Imaxe de portada: Bañistas na praia fluvial // BNG

Comentarios

Deixar un comentario