A Volta a Galicia homenaxeará a Álex Marque

A Volta a Galicia homenaxeará a Álex Marque

Cunha xeral da Volta a Portugal, con outra no Tour de China e varios podios máis, Álex Marque conseguiu facerse o seu oco no mundo do ciclismo. E iso terá outro recoñecemento máis: será o ciclista homenaxeado na Volta a Galicia deste ano.

Así, o nome do estradense uniráse aos doutras figuras do ciclismo galego que tamén foron homenaxeados pola proba elite-sub23, como Gustavo César Veloso, Óscar Pereiro, Álvaro Pino ou Magín Froiz.

A edición deste ano da Volta a Galicia comezará o xoves 12 en Sarria cunha crono de 7 quilómetros. A segunda etapa volverá a comezar e a rematar en Sarria. Nos case 160 quilómetros que terá, o pelotón atoparáse con tres ascensos puntuables de terceira categoría: O alto de Baralla e o dobre paso por Montán. Ademais, terán un sprint intermedio en Castroverde e dous en Sarria.

O sábado dirixiránse a Xinzo de Limia, onde estará o inicio e o final da etapa. Serán 160 quilómetros nos que se ascenderá As Estibadas, Iermes e O Couso, portos de terceira categoría, antes de comezar un circuíto final co que se pasará dúas veces polo Muro de Trandeiras. As metas voantes ubicaránse en Baltar, en Bande e nos Blancos.

A cuarta e última etapa comezará en Sanxenxo. En Meaño será o primeiro sprint intermedio e, a primeira dificultade montañosa da xornada, será Lobeira (3ª categoría). Entre Vilagarcía de Arousa e Caldas de Reis, localidade na que se vai situar a outra meta voante, terán un ascenso non puntuable. O pelotón ascenderá ao Monte Castrove (2ª categoría) e dirixiráse a Portonovo para completar os case 128 quilómetros de etapa.


Comentarios

Deixar un comentario