Este xoves o pleno do Concello debaterá unha moción presentada polo BNG pola subida do canon de SOGAMA. O voceiro do partido, Xoán Reices, explicou que “o incremento do canon que pagarán o noso concello polo lixo que leva a SOGAMA será de 66 € a tonelada, o que repercutirá no peto dos veciños e veciñas”.
Por iso, na moción piden que se repartan entre os concellos os 12,1 millóns de euros do Fondo Adicional e outros 12,1 millóns de euros para “implementar bonificacións no Canon dos concellos, e así, deste xeito, cumprir os obxectivos marcados coa creación deste tributo”.
Culpou ao “PP da Xunta” de ser o responsable desta suba, mesmo partido que “puxo en marcha SOGAMA como sistema de tratamento de residuos sólidos urbanos, un modelo obsoleto e contaminante” debido a que incinera gran parte dos residuos. Destacou que en Galicia só se recicla o 21% dos residuos, cando a Unión Europa fixou un mínimo do 50%, sendo “a segunda peor comunidade do Estado”.
“O propio plan da Xunta prorrogado até 2022, establecía a necesidade de tratar mediante compostaxe 245.000 toneladas cando a cifra oficial de 2022 apunta a que só se chegou ás 3.000.”
Pediu que se cambie o modelo actual por outro que aposte pola reciclaxe e compostaxe fronte á incineración: “queimar lixo sae moi caro, non só economicamente, senón tamén medioambientalmente; urxe mudar o modelo e cómpre facelo xa”.
Premios das Ciencias Ramón Verea
Ademais, neste mesmo pleno votaráse a moción do BNG para crear os Premios das Ciencias Ramón Verea, que buscan fomentar a ciencia entre os máis novos.

Deixar un comentario