O pleno deste xoves debateu unha moción presentada polo BNG contra o aumento do canon de Sogama. Como o PSOE tamén presentara unha moción de urxencia por este mesmo motivo, os partidos da oposición decidiron engadir propostas dos socialistas na moción nacionalista.
Xoán Reices, voceiro do BNG, lembrou que o imposto que grava a incineración de residuos é un tributo estatal que se cedeu á Xunta de Galicia e propuxo que o recaudado sexa empregado para pagar parte do canon, que Sogama propón que estea nos 68 euros.
Na súa opinión, a Xunta “preferiu incinerar residuos a reciclalos” e o modelo actual está “obsoleto” por estar “centralizado”. Advertiu de que en 2025 poderiamos falar dun aumento do imposto do lixo e solicitou que se repartan os 12 millóns de euros do Fondo Solidario dos Concellos, que se faga un “cambio de modelo a medida” dos concellos e que se lle axude aos municipios a mellorar a reciclaxe.
Luis López Bueno, voceiro do PSOE, resaltou que a “mala xestión dos residuos” págana “os concellos e non a Xunta”. Afirmou que “o PP culpa ao Goberno polo imposto ás formas máis contaminantes” cando foi “unha directiva da Unión Europea apoiada polo PP”.
Asegurou que Sogama chegou a propoñer aumentar o canon ata os “130 euros” e que “A Estrada pagaría 315.000 euros máis”. Criticou que o equipo de goberno non atendera ás súas propostas para a redución dos pagos – cifrounas en 6 nos últimos 5 anos -, como a instalación do colector de residuos orgánicos e coincidiu con Reices en que poderían estar pensando nunha suba do imposto do lixo.
A voceira de Móvete, Mar Blanco Casais, tildou de “despropósito” os cartos que se lle pagan a Sogama e lembrou que no 2018 presentaran unha moción para instalar o contedor de residuos orgánicos, algo que podería aforrar “40 ou 45 euros ao ano”. Comentou que, co cambio de alcalde, “non sei se se vai comezar a reciclar”.
Asegurou que “oito anos despois a situación empeorou” e que “todos deberiamos estar dacordo en empezar a reciclar”.
Pola súa banda, Alberto Blanco, voceiro do goberno local, afirmou que “o problema non ten fácil solución” e que esta foi unha “moción propagandística”. Lembrou os modelos de Nostián e do Barbanza, levados a cabo por gobernos socialistas e nacionalistas, onde os cidadáns pagan “máis de 120 euros por tonelada”.
Sobre o modelo Sogama, asegurou que “non existen exemplos de reciclaxe que melloren” o actual e recordou que a moción non dicía cal tiña que ser o novo modelo.
Reices respondeulle que os concellos poden aportar ideas e comentou que “Sogama somos todos ao 51%”, pois o 49% restante pertence a Naturgy. “Esta moción pode ser propagandística, pero cal é a solución?”, preguntou, asegurando que centralizar non o é “a curto prazo”.
López Bueno mostrou a súa preocupación por “escoitar que unha moción contra un aumento de 315.000 euros é propagandística” e fixouse en que Alberto Blanco non replicou á afirmación dun posible aumento das taxas. Asegurou que co emprego de “métodos menos lesivos co medio ambiente” regresarán as subvencións a Sogama.
Mar Blanco afirmou no turno de réplicas que “cando o tema supera as labores municipais, vostedes [en referencia aos edís do PP] fan o posible por non estorbar”.
Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada, asegurou que se vai instalar o contedor orgánico e que “buscaremos cumplir cos servizos que temos e melloralos”.
Tras isto, procedeuse á votación, que rematou cos votos en contra do PP e co voto afirmativo da oposición, quedando rexeitada a moción.
Imaxe de portada: Sesión plenaria // Concello da Estrada / Arquivo


Deixar un comentario