Ricardo Terceiro dicía que non ía ser unha presentación dun libro e, despois da súa celebración, pódese afirmar que foi algo máis que unha presentación, foi a reunión de toda unha xeración que lembrou, con Terceiro como voz cantante, aquelas anécdotas da que xa se coñece como ‘a Estrada do adoquín’.
E todo comezou hai dous anos en Facebook e grazas a que se peonalizou o centro da Estrada e, por unhas semanas, o vello adoquín puido ver a luz do día.
Ricardo contaba como era A Estrada na súa xuventude e acompañaba os seus relatos con algunhas das “máis de 100.000 imaxes” coas que conta Marisé García na súa colección. Unha colección que comezou grazas a que Olimpio Arcas lle pedira varias fotos “hai 30 ou 35 anos”.
Así foi como aproveitaron a ocasión para “prepresentar” un libro que se publicará dentro dentro dun ou dous anos: A Estrada en camiño.
Manuel Pereira, compañeiro de Ricardo no Colexio Inmaculada Concepción, rendíase ás Historias de adoquín, un “libro xornalístico” de “prosa fluída e intensa” e “moi ben levado”. Aproveitaba a súa intervención para homenaxear ao recentemente falecido Julio Vázquez.
Esta presentación contaba cun engadido especial: Ramiro Cimadevila preparara varias acuarelas referentes a esa época mencionada no libro de Ricardo Terceiro. E lembrou que se achegaba á Estrada coa moto para “dar dúas voltas na Farola e marchar”.
Historias de adoquín agotaba as súas existencias aos vinte días de poñerse á venda, e iso que non se fixeron actos, como lembraba Gonzalo Louzao, representante desas persoas que non tiveron a oportunidade de pasear polo adoquín. Un Louzao que era concelleiro de Urbanismo cando este volveu a ver a luz.
O adoquín das historias
Terceiro foi agasallado cun adoquín, algo que poñía punto final ao 66º capítulo das súas Historias de adoquín, o primeiro que se fixo en directo e no que Ricardo Terceiro non foi o único autor, pois fórono todos os alí presentes grazas a que aportaron as súas propias vivencias, aínda que só llas comentaran a quen estaba sentado ao seu carón.








Deixar un comentario