A consellaría de Vivenda e Planificación de Infraestruturas contestou ás preguntas formuladas polo BNG en xuño de 2024 sobre a seguridade da PO-841 ao seu paso polo concello da Estrada e, en especial na parroquia de Couso.
“A resposta da consellaría é moi esquemática: dáse prioridade ao treitos de concentración de accidentes (TCA). Que para os próximos anos prevese estender a actuación aos treitos de alto potencial de mellora (TAPM). Que van iniciar un seguimento da PO 841 para incluíla nunha das dúas categoría segundo os datos de sinistralidade e por se fose necesario tomar algunha medida de seguridade. Por outra banda, din que a AG 59 suporá unha mellora na funcionalidade e seguridade”, afirmou Xoán Reices, voceiro do BNG no concello, aproveitando a visita de Ariadna Fernández, deputada no Parlamento, á parroquia.
Unha resposta, comentou, que se “podería cualificarse de normal se esta fose a primeira noticia que tivo da problemática que se presenta neste treito”, pero como a veciñanza de Couso xa presentara unha queixa en setembro de 2023, “convértese nunha burla cara a cidadanía”.
Pediu que “a 50km/h para facilitar a vida diaria da poboación circundante, persoas maiores con mobilidade reducida, nenos e nenas que obrigatoriamente teñen que acceder á parada do bus escolar, vehículos dos residentes da zona que se teñen que incorporar á PO 841 e que teñen que soportar longas agardas, expoñéndose a riscos permanentes”.
Destacou que na resposta mencionaron a ampliación da AG-59 como medida de seguridade na parroquia cando ” o tramo que está actualmente en construción só chega a Pontevea” e “habería que agardar até que a ampliación da AG-59 chegue ao O Rollo, cousa que a día de hoxe nin hai orzamento nin hai prazos de execución á vista”.
Imaxe de portada: Ariadna Fernández, Xoán Reices e Ricardo Castro na súa visita a Couso // BNG


Deixar un comentario