O Concello anunciou que vai promover a medición do gas radón nas vivendas. Serán un total de 100 medicións a realizar, principalmente, en vivendas unifamiliares. Poderáse solicitar desde o 1 de outubro ata o 1 de novembro mediante unha instancia á concellería de Sanidade. Ademais, tamén se farán nos edificios públicos.
Alberto Ruano, catedrático de Medicina Preventiva pola USC, explicou que os detectores de radón colocaránse durante tres meses no dormitorio principal e na sala de estar. Ao rematar os tres meses, devolveránse os aparellos nun sobre prefranqueado e, máis tarde, o solicitante recibirá os resultados. Ademais, os resultados empregaránse para mellorar o mapa de radón da Estrada e de Galicia.
A Estrada será o segundo concello de Galicia en levar a cabo este tipo de iniciativas. O primeiro foi Teo no ano 2020.
Cando é perigoso?
O gas radón é perigoso para a saúde e considérase un risco cando supera os 300 Bequerelios por metro cúbico de aire (Bq/m3). Cando se supera esa cifra pódense instalar sistemas de ventilación forzada, pechar fisuras nas partes baixas dos edificios, colocar láminas antirradón ou colocar “un oco na parte máis baixa da vivenda para atraer o gas que sube ata esta arqueta e, desde esta arqueta, expulsalo á atmosfera”.

Deixar un comentario