A residencia Amboage, situada na Rúa da Cultura, á altura do IES Manuel García Barros, foi denunciada pola filla dunha usuaria polo que define como “un brote de sarna sen control”.
Tal e como comentou en declaracións a Nós Diario, a muller foi diagnosticada o 30 de xullo e, nese momento, “xa levaba dous meses así”. A filla asegurou que neste tempo a doente “acode a consultas con especialistas, das que a familia non recibe información até moito tempo despois e, posteriormente, a Urxencias do Hospital Clínico do que a doente volta sen ningún diagnóstico”.
Denunciou que a residencia da terceira idade non aplicou medidas ata hai 15 días e instaron á Fiscalía do Xulgado do Penal de Santiago a abrir unha investigación por un suposto delito contra a saúde pública e lesións.
O propietario do centro asegurou ao mesmo medio que ese foi o primeiro caso – agora hai máis, aínda que non especifican a cifra – e que foi diagnosticado no mes de abril como “unha vasculite” e que, como non melloraba, tivo unha consulta cun dermatólogo do Hospital da Esperanza, un centro hospitalario privado, no que se lle receitou “un xabón”.
O diagnóstico definitivo, comentou a filla, chegou no Hospital Gil Casares, onde a doutora “tardou tres segundos” en diagnosticala.

Deixar un comentario