Luis López Bueno, voceiro do PSOE, valorou o proxecto de peonalización da Farola tras analizar durante toda a semana o proxecto co partido e con algúns veciños.
Asegurou que colocar a farola preto da estatua da Rapa das Bestas, “é igual que quitala” e pediu que a luminaria presida a praza e, a poder ser, “co pedestal antigo”. Comentou que Gonzalo Louzao “non permitiu que os veciños se pronunciaran sobre a reforma do lugar máis emblemático que queda na vila” e que aínda non lle escoitou “ningunha explicación razoable de por que a quere quitar do medio”.
Aínda que ven con bos ollos recuperar espazo para o peón, afirmou que “este proxecto pretende instalar unha praza sen alma”, pois dito proxecto “vale para Jerez de los Caballeros ou para Almendralejo, non ten nada particular”.
“Todos os pobos se coñecen por algo, e no caso da Estrada era pola Alameda, o Concello e a Praza da Farola. Xa só vai quedar un deses elementos”.
Luis López Bueno, voceiro do PSOE
“Se Gonzalo fora intelixente”, comentou, “mantería a farola no seu sitio e intentaría presentarse como salvador, case coma un mesías”, pero pensa que “Gonzalo é o único veciño da Estrada que non a quere alí e agora xa o sabemos todos. Busca unha obra pola que destacar, máis nada”.
Lamentou que na licitación non se priorizou a existencia de grandes zonas verdes, algo que apenas existen pese a que é a nova moda en “todas as cidades e vilas europeas, máis zonas verdes. Parece que na Estrada queremos ir cara atrás”.
Considerou que o orzamento é “desorbitado” posto que se invertirán 1,3 millóns de euros cando para “poñer pedra en toda a Calvo Sotelo custou 315.000 euros, non pode haber unha diferenza tan salvaxe”, ademais de que outras zonas da vila e o rural “non reciben nada”.
Valorou como “inútiles” as últimas obras, pois ” todos os meses hai comercios que pechan incluso na Calvo Sotelo”, onde este mes pecharon tres, “e na alameda hai menos xente agora que antes, por poñer dous exemplos”.
Asegurou que o alcalde “está moi verde” a nivel político e que “hai que priorizar o Polígono Indutrial”, porque ” xa podía ser esta a praza máis bonita do mundo, que se non hai xente para pasear nela non vale para nada”.
Imaxe de portada: futura Praza de Galicia // Galaicontrol


Deixar un comentario