A Estrada está con Venezuela

A Estrada está con Venezuela

O mundo enteiro estaba convocado este sábado a unha manifestación contra o réxime de Nicolás Maduro en Venezuela. Contra esa persoa que o 28 de xullo dou un autogolpe proclamándose gañador dunhas eleccións que, desde o primeiro momento, intentou ter o máis baixo control posible para continuar gobernando.

Pero non contaba coa aparición de María Corina Machado, muller que conseguiu unir a toda a oposición e facer que o cambio fora posible. De feito, segundo os resultados que ela publicou – que son os máis fiables e aos que a comunidade internacional lles está dando credibilidade -, a oposición conseguiu o 70% dos votos. Machado afirmou nunha entrevista que podían ter acadado o 90% se puideran votar todos os venezolanos.

Imaxes: Manifestación na Estrada // O Xornal da Estrada

Este sábado os venezolanos de todo o mundo saíron ás rúas. Os que se atopaban fóra do país para pedirlles aos seus compatriotas que continúen loitando, que non se rindan. E, ademais, levaban outra mensaxe: nunha entrevista na canle de YouTube Solo Fonseca, a líder opositora pediulle a todos os países que publiquen toda a información e tomen medidas contra os negocios ilegais de Maduro, que en parte permiten que a ditadura teña financiamento. Entre estes negocios atópase o narcotráfico (calcúlase que o 25% de toda a droga mundial pasa polo país).

Volvendo ás manifestacións, nelas viamos como os asistentes facían videochamadas e gravaban o panorama para facerlles chegar aos venezolanos que coñecen – moitas veces porque os asistentes están exiliados – esta mensaxe. Porque si, A Estrada e o mundo están con Venezuela.

Comentarios

Deixar un comentario