O turno de rogos e preguntas do pleno deste xoves tivo unha protagonista clara: a farola da Farola.
O primeiro en mencionala foi o voceiro do PSOE, Luis López Bueno. Asegurou que, segundo os técnicos, o proxecto de peonalización “vai haber que retocalo” e pediulle a Gonzalo Louzao que “asuman unha vontade popular” mantendo “a farola no centro da praza”.
O alcalde respondeulle que no seu momento “xa se modificaron os pregos para que se mantivese por vontade popular”. Ademais, asegurou, a postura que manteñen os socialistas débese a que “viron que o BNG pedía mantela no centro” e a que o escoitaron na rúa, polo que “decidiu sumar un punto”.
“Se temos que dicir todo o que teñen que facer non sei para que encargamos un concurso de ideas”
Gonzalo Louzao, alcalde da Estrada
Comentou que “parece algo cínico” a postura dos socialistas cando “non fixeron ningún tipo de proposta” e lembrou que a farola “está colocada onde está colocada por ser unha rotonda”.
López Bueno replicoulle: “en 2023 xa dixen que tiña que ser un elemento indiscutible da praza” e volveu a pedir que “quede no entorno do que é a Praza da Farola e non na illa dos cabalos” porque “se está alí quitámoslle protagonismo”. O socialista tamén aclarou que “nós non temos unha animadversión contra o proxecto”.
Ricardo Castro, concelleiro do BNG, agradeceu a “primacía do BNG na defensa da farola” e afirmou que “se se pon un elemento singular nunha esquina, non é un elemento singular”.
Pola súa banda, Mar Blanco, voceira de Móvete, asegurou que “todos os partidos da oposición sempre nos mantivemos en mantela”. Subliñou que “a poboación esíxeo non por bonito, senón por ser un símbolo”.
“Quizais foi un erro non telo claro desde o principio, pero rectificar a tempo é de sabios”
Mar Blanco, voceira de Móvete
Imaxe de portada: Praza da Farola // O Xornal da Estrada


Deixar un comentario