Juan Luque ía construír na Estrada unha planta de biodiésel a partir de aceite usado, pero a finais de febreiro anunciou que non a ía facer na Estrada. Agora, descubriuse que denunciou a unha das persoas que participaba no proxecto: Juan Carlos Piñeiro.
O promotor de Olidís contou nunha entrevista neste medio que o denunciou porque “queríase quedar co meu proxecto”, un proxecto que “é soamente meu”.
Comentou que coñeceu a Orlando Villamayor “buscando local en Lagartóns” e que este díxolle que “o seu socio estaba interesado”. Ese socio era Juan Carlos Piñeiro e, tras falar con el, “fixemos unha iguala”.
“O señor Villamayor cometeu un erro terrorífico e, entón, foi cando lle dixen que non o quería na empresa. El díxome que por favor que o deixara: ‘Déixame estar, Juan, por favor, que eu quero estar no proxecto porque me gusta. Eu trouxen a Juan Carlos aquí e quero estar no proxecto’”, asegurou. Respondeulle, segundo comentou, que “xa non teño confianza en ti como a tiña nese momento”.
Referiuse a unhas declaracións do que era alcalde da Estrada nese momento, José López Campos, nas que afirmaba que a marcha de Olidís da Estrada era culpa de Luque: “en vez de chamarme, o que fixo foi facerlle caso ao señor Villamayor e Villamayor dixo que non o tiña claro, que isto parecía un ‘puf’, un fume”.
Como Villamayor quedaba fóra do proxecto, “tiña que botalo. Mandeille un burofax o 29 de maio dicíndolle que o ía botar da fundación e, o 30 de maio, cando lle chegou o burofax, o señor Orlando mandoume por correo electrónico a súa renuncia da fundación”.
“El quería estar na fundación e eu boteino”
Luque afirmou que, tras este suceso, Villamayor comezou a desprestixialo e Piñeiro díxolle que ao volver das vacacións “ía ter moito traballo”. “E é certo, teño moito traballo: conseguir toda a documentación e documentación de toda a canallada que montaron estes dous”.
Asegurou que lle enviaron un WhatsApp pedindo que se aparte da fundación, “que quedaba el e que eu me adique a outras cousas”.
“Ameazáronme con que ía ter unha inspección de traballo: tívena. E puxéronme dúas denuncias polos soldos: un tal Juan Carlos Piñeiro e un tal Rubal, outro que di que non se coñecen e, en 2017, xa cotexaban o partido político que os tres frecuentan”.
“Cando hai unha denuncia penal, todas as denuncias anteriores quedan relegadas ao que saia do penal. Do penal non teño ningunha denuncia, eu puxen dúas: unha por estafa e outra por suplantar a miña identidade e falsificar a miña sinatura electrónica”. Tras isto, comenta, intentaron “crear unha bóla económica de gastos”.
Afirmou que lle custou “moitísimo” atopar financiación, tendo que recurrir ao estranxeiro porque “eles encargáronse de tirar todas as portas” e que “quero facelo na Estrada e que A Estrada estea orgullosa diso”.
Así será
Falando dos seus plans, indicou que o proxecto “consiste en recoller aceite usado e transformalo en biodiésel. A materia prima que sae do aceite usado é xabón, potasio e fertilizante”. Faríase nun terreo “que teño na Estrada” e ten como obxectivo “crear emprego estable, traballar catro días á semana, que as persoas con discapacidade poidan traballar”.
“Estamos investigando sobre cinco tipos de cancro. E iso é o que querían: levar a investigación á fundación que controlaban eles”.
A planta contará cunha parte adicada á xestión de residuos e, con outra, á investigación.
“Se non pasa nada, en novemebro do ano que vén sairá en revistas especializadas sobre investigación o noso proxecto do cancro, e iso saíu de aquí da Estrada”.
Preguntado por se o goberno local se puxera en contacto con el desde o cambio de alcalde, respondeu que “Non. Pedín unha reunión co alcalde para explicarlle o que estiven explicando nesta entrevista”.
Entrevista completa:
Imaxe de portada: Juan Luque durante a entrevista // O Xornal da Estrada

Deixar un comentario