Denuncian unha “campaña” para intentar “facer calar” aos que alegaron contra Altri

Denuncian unha “campaña” para intentar “facer calar” aos que alegaron contra Altri

A Ulloa Viva e a PDRA convocan unha manifestación para o 15 de decembro en Santiago de Compostela

A Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) denunciaron este luns que a Xunta está levando a cabo unha “campaña” “para tentar calarnos e deixarnos fóra da tramitación do proxecto, cando coma galegos e galegas, afectados polo seu impacto, temos dereito a ter información da administración”.

Comentaron que a administración autonómica está enviando escritos de requerimento aos asinantes das 23.000 alegacións contra o proxecto de Altri en Palas de Rei, nas que piden que, nun prazo de dez días hábiles, “acrediten o seu interese”.

De feito, afirman, ese mesmo escrito chegou á Plataforma Ulloa Viva, á CIG, á Adega, á Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra, ao Sindicato Labrego ou ás ANPAs das comarcas afectadas que decidiron alegar.

Modelo a disposición dos requeridos

Debido a isto, decidiron poñer a disposición dos requeridos un modelo de resposta. Deberáse cubrir o modelo correspondente á zona na que reside (dentro ou fóra do perímetro do proxecto).

Desde ambos colectivos demandaron que se cumpra o artigo 53 da Lei 39/2015 pola que teñen que ser recoñecidos como interesados.

“Se a Xunta está a levar como dí o procedemento con total transparencia non debería ter problema algún para que os cidadáns exerzamos os nosos dereitos recoñecidos por lei”.

Aseguraron que “quérennos sacar o noso dereito a protestar, a termos información e mesmo os nosos dereitos constitucionais” e advertiron de que “a lexitimidade é do pobo e ningunha das 23.000 alegacións pode ir ao lixo, porque o proxecto de Altri significa mudar o modelo de país e por tanto aféctanos a toda a cidadanía”.

Nova manifestación

A Plataforma Ulloa Viva e a PDRA convocaron unha manifestación para o domingo 15 de decembro en Santiago de Compostela. Faráse baixo o lema A Xunta non poderá calar todo un país. Altri non!


Imaxe de portada: Rolda de prensa da Plataforma Ulloa Viva e da PDRA // cedida

Comentarios

Deixar un comentario